- A actividade foi organizada pola Asociación Artesanal de Palilleiras “A Bella Otero” coa colaboración do Concello
- Asistiron unha trintena de colectivos de Burela, A Coruña, Baixo Miño e Ourense, entre outras procedencias
Valga, 10 de setembro de 2018.
A quinta edición do Encontro de Bolillos e Labores organizado pola asociación de palilleiras “A Bella Otero” coa colaboración do Concello de Valga, reuniu o sábado no pavillón municipal de Baño a 275 palilleiras chegadas de toda Galicia. Burela, A Coruña, Oleiros, Ourense, Baixo Miño, Vilagarcía, Cambados, Vilanova ou Padrón foron só algunhas das localidades de procedencia dos participantes, pertencentes a unha trintena de asociacións.
A xornada dou comezo ás 10 da mañá coa recepción e presentación dos participantes e prolongouse ata as oito da tarde. Durante o encontro, os participantes realizaron traballos, tanto de encaixe como de ganchillo, calceta ou punto de cruz, e ademais instaláronse no pavillón distintos postos de venda de materiais para realizar estas actividades artesanais e tamén do Centro Ocupacional de Saiar. Este tipo de eventos son aproveitados polos participantes para ver os labores que realizan outras palilleiras, compartir ideas, opinións e patróns e incluso coñecer novos materiais e deseños.
O colectivo organizador aportou tamén ao encontro unha exposición dos traballos realizados polas súas integrantes durante todo o ano. A xornada tamén incluíu un sorteo de agasallos donados por casas comerciais e asociacións de Valga e da súa contorna.
A Asociación Artesanal de Palilleiras “A Bella Otero”, con máis dun lustro de actividade, conta na actualidade con arredor integrantes que durante todo o ano asisten a clases en Baño e no Auditorio de Cordeiro. Teñen como mestra á súa presidenta, Lourdes Conde, diplomada na Escola de Encaixe de Mariña Regueiro, profesora formada en Holanda e pioneira na ensinanza intensiva do encaixe de bolillos en España para a obtención do diploma de Docente de Encaixes. Ademais, Lourdes Conde conta tamén con Carta de Artesá, o que lle permite impartir obradoiros de labores.