- A mostra, que se inaugura o día 14, pode verse en Cordeiro ata finais do mes de setembro
- Son case corenta óleos sobre lenzo con vistas e panorámicas de Valga, Vilagarcía, a Ribeira Sacra e outras zonas de Galicia
Valga, 4 de setembro de 2018.
O pintor Juan Moreno Badía (A Coruña, 1945) expón ata finais de setembro no Auditorio Municipal “Ondeando en Valga”, unha colección de paisaxes de lugares como Vilagarcía, a Ribeira Sacra, Brión… E tamén Valga, particularmente a parroquia de Cordeiro. Son vistas que primeiro captou coa cámara fotográfica e despois reproduciu ao óleo sobre lenzo. Destaca entre elas “dous cadros que son singulares” e que amosan as vistas dende o monte Beiro. “Ao longo dos anos, ao pasar polo alto de Cordeiro, fun vendo como medraba esta parroquia. Chamábame moito a atención como de noite se enchía de luces” e, de aí, que decidira pintar esa panorámica tanto de día como de noite.
Aínda que viviu moito tempo fóra de Galicia e agora ten como lugar de residencia Brión, Juan Moreno Badía está vencellado a Valga a través da súa sogra, natural da parroquia de Xanza. Tamén a través do artista Pepe Potel, co que compartía amizade e que “foi quen me empurrou a expoñer aquí a miña obra. Para eles dous é esta mostra”, formada por case corenta cadros e que se inaugurará o vindeiro día 14 ás 20 horas.
Juan Moreno adícase profesionalmente á pintura artística dende 1965. Dende entón ten realizado exposicións individuais en Madrid, Oviedo, Ibiza, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa ou Cambados, entre outras localidades, e participou en mostras colectivas en lugares como Nova Iorque, Berlín, Oslo ou París. En case toda a súa traxectoria adicouse ao retrato, pero hai sete anos decidiu cambiar á paisaxe. “Abrinme absolutamente. A paisaxe é algo común a todos, unha linguaxe que todos entendemos”, afirma o artista.