Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Acompañado polas concelleiras Carmen Gómez e Mari Carmen Castiñeiras, agasallouna cun ramo de flores e unha placa conmemorativa

- Esta veciña de Rexenxo (Setecoros) é a terceira muller máis lonxeva do municipio

josefa1

Valga, 3 de setembro de 2018.

Valga conta cunha nova centenaria, María Josefa Senín Otero, veciña de Rexenxo (Setecoros), que hoxe celebra o seu 100 aniversario. O alcalde, José María Bello Maneiro, e as concelleiras Mari Carmen Castiñeiras e Carmen Gómez visitárona este mediodía no seu domicilio para felicitala en nome de todos os valgueses e agasallala cun ramo de flores e unha placa coa lenda “O Concello de Valga a María Josefa Senín Otero día do seu 100 aniversario”.

É a terceira valguesa máis lonxeva, despois de María Bouzas Senín, veciña de Cerneira que ten 102 anos, e María Juana Martínez Pose, veciña da Tarroeira e que tamén cumpriu os 100 en xuño.

María Josefa Senín tivo dous fillos e ten unha neta e tres bisnetos cos que hoxe festexou o seu centenario. Non faltou unha tarta de nata e chocolate, a que a ela lle gusta, e cumpriu coa tradición de apagar as velas. O vindeiro 23 de setembro volverá a celebrar esta data tan especial cunha reunión de toda a familia.

Aos seus 100 anos, María Josefa segue a ser unha muller autosuficiente, conta o seu fillo. “Vístese e aséase ela sola cando se levanta polas mañás”, explica, e entretense dando pequenos paseos pola casa e vendo a televisión. O seu programa favorito é o “Luar” xa que lle gusta moito a música. De feito, o seu bisneto Roi felicitouna hoxe tocándolle unha peza coa gaita que a fixo emocionar.

josefa2 josefa3

josefa4 josefa5

josefa6              josefa7

Volver