- Contou coa participación de 85 nenos a partir de 3 anos durante os meses de xullo e agosto
- Xa está aberta a inscrición para o novo curso da Escola Municipal, con clases os sábados pola mañá
Valga, 3 de setembro de 2018.
O pavillón municipal de Baño acolleu na tarde do venres a clausura da Escola de Verán de patinaxe artística, que contou con 75 nenos inscritos durante os meses de xullo e agosto.
Os patinadores ofreceron unha exhibición ante as súas familias e un numeroso público, ao que amosaron as destrezas adquiridas durante o verán coa profesora Olalla Pérez. Neste tempo practicaron saltos, piruetas e figuras e, ademais, nas últimas semanas prepararon as coreografías individuais, por parellas e grupais que representaron o venres.
No mes de outubro arrancará o novo curso de patinaxe artística, tanto a Escola da Deputación como a Municipal. A primeira contará con seis grupos e as clases impartiranse os luns e venres. As sesións da Escola Municipal terán lugar os sábados pola mañá e haberá dous grupos. Un de dúas horas -de 10 a 12- cun prezo de 27 euros ao mes, e outro de unha hora -entre as 12 e as 13- por 17 euros mensuais. As inscricións poden realizarse chamando ao número de teléfono 645 57 35 61.