- O rexedor entregoulles un agasallo e agradeceu ás familias de acollida a súa solidariedade
- A estadía na vila permiteulles fuxir das altas temperaturas do deserto, someterse a revisións médicas e contar cunha boa alimentación durante dous meses
Valga, 30 de agosto de 2018.
O alcalde, José María Bello Maneiro, recibiu onte ao mediodía na Casa do Concello ás dúas nenas saharauís que pasaron o verán en Valga con familias de acollida dentro do programa “Vacacións en Paz”, promovido pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps). O rexedor entregoulles a Glana Hritani Magfud, de 12 anos, e Jadiga Taher "Karluxa", de 14, uns agasallos que incluían material escolar, unha bandeira e un pin cono escudo de Valga. Desexoulles unha boa viaxe de regreso e pediulles que estuden para poder regresar o vindeiro verán. Ademais, agradeceu ás familias de acollida a solidariedade que demostran ano a ano recibindo aos nenos nas súas casas.
A súa estadía en Valga, permitiu a estas dúas rapazas fuxir das altísimas temperaturas do deserto de Tindouf, que no verán poden acadar os 50 graos á sombra, e someterse a revisións médicas e ir ao dentista. Nestes meses de verán tiveron tamén tempo para ir á praia ou á piscina, asistir a festas como a recén celebrada da Anguía e da Caña e contar cunha boa alimentación. As dúas son xa repetidoras no programa “Vacacións en Paz” -Karluxa é o sétimo ano que está acollida na vila e Glana o terceiro- e están plenamente integradas no municipio. De feito, participaron xunto con outros nenos do municipio nas actividades da Escola de Verán organizadas polo Concello.
Ademais aproveitaron estas semanas para continuar aprendendo o español, segunda lingua oficial da República Árabe Saharaui Democrática e, sobre todo, divertíronse e pasárono ben. Karluxa, que chegou a Valga o 29 de xuño e marchou onte pola noite, contoulle ao alcalde que nestes dous meses foi de cámping nas fins de semana e mercou agasallos para levarlles aos seus amigos. Por idade esta foi a súa última participación no programa "Vacacións en Paz" e deixa en Valga "moitos amigos que nunha vou a olvidar e unha gran familia". O vindeiro ano vai a estudar a Arxelia para conseguir o seu soño: ser mestra.
Glana aínda estará en Valga ata o día 11 de setembro. No tempo que leva na vila foi a moitas festas e verbenas, visitou lugares como as fervenzas de Parafita ou a Mina Mercedes e, xunto coa súa amiga Karluxa, viron películas e novelas, maquilláronse e foron bañarse ao río.