Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A empresa, con máis de 200 empregados en Valga, ten entre os seus proxectos de futuro o deseño de vehículos non tripulados

- José María Bello Maneiro destaca que “compañías como URO dan prestixio a Valga”

uroconselleiro1

Valga, 28 de agosto de 2018.

O alcalde, José María Bello Maneiro, acompañou esta mañá ao conselleiro de Industria, Francisco Conde, nunha visita ás instalacións que a empresa URO, adicada ao deseño, fabricación e comercialización de vehículos especiais e todoterreo, ten en Valga. Estiveron acompañados polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o xefe territorial de Industria, Ignacio Rial, que foron recibidos e guiados nun percorrido pola fábrica por Justo Sierra, presidente e director executivo da compañía, e José Sierra, fundador e presidente de honra.

URO, fundada no ano 1981 e que dende 2014 conta cunha factoría en Valga cuxa superficie alcanza os 12.000 metros cadrados, ten presencia en 25 países de todo o mundo, dende Europa a América, África, Oriente Medio e Asia. Adicada ao deseño, fabricación, comercialización e post venta de vehículos especiais e todo terreo, ten como os seus principais produtos o vehículo de alta mobilidade táctica (Vamtac), o camión todoterreo (TT URO) e o vehículo todoterreo lixeiro (Vamtac Lite), todos con aplicacións militares pero tamén civís, xa que son empregados como vehículos policiais, contra incendios, de emerxencias, ambulancias, máquinas quitaneves, recollida de basuras ou traballos agrícolas e forestais, entre outras aplicacións

O 75% das súas vendas destínanse a fins militares (dende 1984 subministra vehículos ao Ministerio de Defensa español) e o restante 25% a usos civís. Dentro destes, o sector para o que máis traballa é a loita contra incendios. Os vehículos de mantemento e actuacións en liñas férreas ou de metro son tamén un nicho de mercado en crecemento, de feito URO acaba de converterse en adxudicataria do mantemento do tranvía de París.

Urovesa ten como principais clientes a administracións públicas, que supoñen arredor dun 90% do seu volume de negocio, limitándose o comercio con entidades privadas a un 10% do total. A facturación da empresa oscila entre os 40 e os 60 millóns de euros anuais, e conta xa con carga de traballo para os dous próximos anos. A fábrica de Valga, que en 2014 comezou a súa andaina con 78 empregados, conta agora con máis de 200 traballadores, que chegan ata os 250 en momentos de traballo punta. A estes hai que engadir outros 250 empregos indirectos vencellados ás empresas auxiliares.

Os vehículos manexados a distancia, unha realidade
A visita permitiu ao conselleiro coñecer as capacidades e estratexias competitivas da compañía, os seus proxectos de internacionalización e os proxectos tecnolóxicos que está a desenvolver. Justo Sierra destacou como unha das principais potencialidades de URO a súa "capacidade de adaptación a requisitos moi específicos. Cada cliente define un vehículo para unha aplicación concreta e nós somos moi rápidos deseñando unha solución a medida e moi competitiva a nivel de custos e a nivel de prestacións".

O futuro de URO, engadiu o presidente, pasa polas novas tecnoloxías e pola "innovación permanente, tanto a nivel de materiais como a nivel de solucións de potenciación diferentes, como a hibridación ou a electrificación", nas que xa están a traballar. Ademais, avanzou, "estamos a colaborar con diferentes organizacións e universidades no deseño de vehículos non tripulados que poidan conducirse a distancia ou en remoto. Existe xa un prototipo e xa se fixeron as primeiras probas con resultados satisfactorios". Estes vehículos non tripulados aportarían un valor importantísimo para aplicacións militares. "Dispoñer dun vehículo conducido a distancia para encabezar un convoi vai a redundar na seguridade dos soldados e a salvar vidas", explicou Sierra.

Unha vez rematada a visita, o conselleiro de Industria puxo en valor o esforzo de Urovesa por diversificar os seus produtos desde o sector militar ao civil, a súa aposta pola internacionalización, e a innovación que aplica ao deseño, desenvolvemento e fabricación de vehículos, elementos que teñen convertido a esta empresa nun referente no seu sector.

O alcalde, pola súa parte, destacou que compañías como URO "dan prestixio a Valga" e amosouse confiado en que o municipio poida contar no futuro con máis solo empresarial no que poder acoller a novas industrias e contribuír, así, a crear novos postos de traballo, “básicos para o sustento das familias”.

uroconselleiro2 uroconselleiro3

uroconselleiro4 uroconselleiro5

uroconselleiro6 uroconselleiro7

Volver