- Contará coa asistencia dunhas 250 palilleiras chegadas dende Burela, A Coruña, Ourense ou Baixo Miño, entre outras zonas de Galicia
- A xornada incluirá exposición e venda de labores aberta a todo o público que queira asistir
Valga, 28 de agosto de 2018.
A Asociación Artesanal de Palilleiras “A Bella Otero” celebra o vindeiro 8 de setembro no pavillón municipal de Baño a quinta edición do seu Encontro de Bolillos e Labores Artesanais, un evento para o que contan coa colaboración do Concello de Valga. Ademais das palilleiras locais, está prevista a participación de grupos chegados dende distintos lugares de Galicia como Burela, A Coruña, Oleiros, Ourense, Baixo Miño, Vilagarcía, Cambados, Vilanova ou Padrón, entre outras localidades. Xuntaranse en Baño arredor de 250 palilleiras.
A xornada dará comezo ás 10 da mañá coa recepción e presentación dos participantes. Durante o encontro os distintos grupos realizarán traballos, tanto de encaixe como de ganchillo, calceta ou punto de cruz Ás 14 horas farán un parón para xantar e será ás 16:30 cando se retome o encontro. Sortearanse de regalos donados por casas comerciais da zona e, sobre as oito da tarde, está prevista a clausura. A xornada incluirá unha zona de exposición e venda de labores, aberta a todo o público que queira asistir.
A Asociación Artesanal de Palilleiras "A Bella Otero", con máis dun lustro de actividade, conta cunhas 25 integrantes, dúas delas nenas, que durante todo o ano asisten a clases dous días á semana nas antigas casas dos mestres de Baño e no Auditorio de Cordeiro. Teñen como profesora a Lourdes Conde, que é tamén a presidenta e está diplomada na Escola de Encaixe de Mariña Regueiro, formada en Holanda e pioneira na ensinanza intensiva do encaixe de bolillos en España para a obtención do diploma de Docente de Encaixes. Ademais, conta tamén con Carta de Artesá, o que lle permite impartir obradoiros de labores.