- A mostra, que se inaugura o xoves ás 21 horas, permanecerá no Consistorio ata finais de setembro
- Forma parte do programa de actividades da XXVIII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País
Valga, 20 de agosto de 2018.
A Casa do Concello alberga no que resta de agosto e durante todo o mes de setembro a exposición "Paisaxes que namoran", da artista María José Rodríguez. A actividade forma parte do programa da XXVIII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.
A mostra inaugúrase o vindeiro xoves ás 21 horas, aínda que todas as persoas que se acheguen ao Consistorio poden ver xa os cadros que forman parte dela. Son "paisaxes que me transmiten e emocionan, vividos en primeira persoa ou a través dos ollos dos meus fillos", explica a artista. Entre as obras recoñécense espazos e lugares da Coruña, cidade na que naceu María José Rodríguez; de Santiago de Compostela, onde estudou e se licenciou en Pedagoxía; Guitiriz, o pobo dos seus pais e avós; ou Vilagarcía, a onde se trasladou xunto ao seu pai ferroviario e onde reside na actualidade. Segovia, Sevilla, San Sebastián, Nova Iorque ou Györ (Hungría) son outras das cidades pintadas pola artista.
María José Rodríguez comezou a despuntar na pintura e no debuxo sendo nova. "Debuxaba todo o que vía nos libros. Ademais de facer os exercios ou resolver os problemás, facía a ilustración. Sempre tiven esa habilidade que, co tempo, fun perfeccionando, adquirindo técnicas e soltura", conta. Gústalle misturar técnicas e explorar as posibilidades que ofrecen os distintos materiais e, ademais, é unha artista multidisciplinar que traballa a artesanía, cerámica e a costura, por citar só algunhas das dúas habilidades.