- O alcalde agarda contar coa colaboración dos propietarios de parcelas colindantes para executar o ensanche das dúas estradas
- "É unha obra importante xa que, nas condicións actuais, resulta imposible que poidan pasar as ambulancias"
Valga, 16 de agosto de 2018.
A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, aprobou realizar unha inversión de 60.499 euros para o acondicionamento de dúas estradas de titularidade municipal en Senín (Xanza) e As Eiras (Cordeiro).
O proxecto, que se enmarca no Plan de Infraestruturas Rurais 2018, contempla o ensanche de senllos viais e tamén a mellora da capa asfáltica.
Trátase de dúas obras "importantes", destaca o alcalde, José María Bello Maneiro, xa que a ampliación destas estradas permitirá que poidan circular por elas vehículos de servizos e emerxencias como, por exemplo, ambulancias. "Nas condicións actuais nas que se atopan os dous viais este tipo de vehículos teñen moi difícil pasar e, nalgúns puntos, resulta imposible", engade.
Para mudar esta situación, o rexedor agarda contar coa colaboración dos veciños e propietarios das parcelas colindantes para que poida completarse o ensanche das estradas.