Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O piragüista valgués Toño Fraga será o encargado de ler o pregón

- A cantante Merche actuará no Parque Irmáns Dios Mosquera na noite do día 25

mostracaña

Valga, 8 de agosto de 2018.

Valga celebra o vindeiro 25 de agosto a XXVIII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, un evento gastronómico e cultural declarado de Interese Turístico de Galicia. O programa festivo inclúe unha vintena de actividades que se desenvolverán ao longo de nove días, entre o sábado 18 e o domingo 26.

Entre as iniciativas novidosas, o 1º Campionato de Brisca, que terá lugar na tarde do día 18 e no que poden participar equipos formados por seis xogadores. O prazo de inscrición está aberto ata o día 16. O equipo gañador e o finalista recibirán un trofeo e un agasallo.

Tamén se celebra por vez primeira o concerto solidario a favor da ONG "Médicos sen fronteiras". O violinista Antonio Seijo e o saxofonista Pablo Estrellés protagonizarán o día 24 o espectáculo "Hits of the music", cun repertorio formado por grandes éxitos de todos os tempos. Para asistir ao concerto hai que entregar un donativo.

A gastronomía ten un peso específico dentro do programa de actividades, non en balde a festa ten como obxectivo promocionar un dos peixes máis exquisitos do Ulla e a augardente tradicional.

Nas vindeiras semanas gravarase en Valga un episodio do programa "Larpeiros", da Televisión de Galicia. Contará con reportaxes rodadas en dous fogares da vila, nos que se prepararán unha receita con anguía e un postre con caña. O cociñeiro do programa, Benigno Campos, elaborará a súa propia receita con este peixe o día 21 no Parque Irmáns Dios Mosquera -xunto á estatua da Bella Otero-, e a última parte gravarase no bar Potel o día 23 e consistirá na preparación dunha tapa coa anguía como ingrediente principal. Nas dúas datas pode asistir público.

Durante a fin de semana do 25 e o 26 de agosto terá lugar a quinta edición da ruta concurso "Tapa á Anguía", coa participación dunha decena de establecementos de hostalería do municipio, que ofrecerán pinchos gratuítos aos seus clientes coas consumicións. As persoas que proben cinco ou máis tapas poderán votar pola súa favorita e entrarán no sorteo de dez vales de compra de 30 euros para gastar no comercio local.

O día grande da XXVIII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País será o sábado 25. As actividades no Parque Irmáns Dios Mosquera comezarán ás 17:30 horas, cun parque multifuncional no que haberá obradoiros de cociña (para o que é necesario inscribirse previamente) e tatuaxes, inchables e unha exhibición de tallas de madeira con motoserra.

A partir das 18:30 horas desenvolverase o xogo "Iron children", no que poden participar familias ou grupos de amigos. Os tres equipos que completen o percorrido en menos tempo recibirán premios de 300, 200 e 100 euros.

Ás 19:30 horas acenderanse as potas para a demostración de destilado de caña do país e, trala recepción de autoridades, ás 21:30 horas terá lugar o pregón a cargo do piragüista Toño Fraga Souto. Veciño dos Martores, aos seus 17 anos conta cos títulos de campión de España en C1-500 sub17 e en C1 maratón e foi quinto clasificado na Copa do Mundo de Maratón, entre outros logros

Unha actuación da Banda de Música Municipal de Valga dará paso, ás 22:30 horas, á degustación de tapas de anguía e de cócteles elaborados con augardente. Ás 12 da noite haberá unha gran queimada popular e o fin de festa poñerano o concerto da cantante Merche e a actuación da orquestra Charleston Big-Band.

 

PROGRAMA DA XXVIII FESTA DA ANGUÍA E MOSTRA DA CAÑA DO PAÍS

Sábado, 18 de agosto:

  • 10:30 horas: Visita do xurado aos lugares participantes no concurso Embelecer Valga
  • 18 horas: 1º Campionato de brisca "Festa da Anguía e Mostra da Caña do País". Poden participar equipos integrados por seis xogadores. O prazo de inscrición remata o día 16 de agosto. Lugar: Parque Irmáns Dios Mosquera.
  • 21 horas: Vive o Camiño 2018, coas actuacións de Magín Blanco e M.J. Pérez no Parque Irmáns Dios Mosquera

Martes, 21 de agosto:

  • 18 horas: O programa de cociña "Larpeiros", que emite a Televisión de Galicia, grava en Valga un episodio adicado á anguía e á caña do país, coa participación de veciños da vila, tanto cociñeiros afeccionados coma profesionais dalgúns establecementos de hostalería valgueses. Benigno Campos preparará tamén unha receita con anguía. Á gravación pode asistir público.

Xoves, 23 de agosto:

  • 20 horas: Precata do concurso da Caña do País. Lugar: Casa do Concello.
  • 21 horas: Inauguración da exposición de pintura "Paisaxes que enamoran", de María José Rodríguez. Lugar: Casa do Concello.

Venres, 24 de agosto:

  • 20 horas: Cata final do concurso da Caña do País. Lugar: Casa do Concello.
  • 20:30 horas: Concerto solidario a favor da ONG "Médicos sen fronteiras". Antonio Seijo e Pablo Estrellés actuarán na Prazuela de Valga cun repertorio formado por grandes éxitos de todos os tempos. Entrada: donativo.

Sábado, 25 de agosto:

  • V Ruta Gastronómica "Tapa á Anguía"
  • XXVIII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País no Parque Irmáns Dios Mosquera:

            - 17:30 horas: Parque infantil con obradoiros de cociña, tatuaxes e inchables. Para participar no taller de cociña é preciso inscribirse antes do día 20 de agosto.

            - 18 horas: Exhibición de tallas de madeira con motoserra

            - 18:30 horas: Xogo "Iron children". Xogo por equipos no que poden participar familias, grupos de amigos, etc. Os tres equipos que completen o percorrido en menos tempo levarán premios de 300, 200 e 100 euros. Entre as 18:30 e as 19:30 horas terá lugar unha ronda de adestramento. A proba comezará ás 19 horas.

            - 19:30 horas: Acendido de potas e demostración de destilado da caña do país.

            - 21:30 horas. Pregón a cargo do piragüista valgués Toño Fraga Souto, campión de España en C1-500 sub17 e en C1 maratón e quinto clasificado na Copa do Mundo de Maratón, entre outros títulos.

            - 22 horas: Entrega de premios dos concursos da Caña do País, Embelecer Valga e do xogo "Iron Children", seguida de concerto da Banda de Música Municipal de Valga.

            - 22:30 horas: Degustación de anguía e cócteles de caña.

            - 00:00 horas: Queimada popular

            - Deseguido: Actuación da cantante Merche e da orquestra Charleston Big-Band

Domingo, 26 de agosto:

  • V Ruta gastronómica "Tapa á Anguía"

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver