- Na actividade, que estimulou a imaxinación dos asistentes, participaron os rapaces da Escola de Verán
- O luns rematan as actividades de verán organizadas polas bibliotecas municipais co Museo Científico, que poderá verse no Auditorio
Valga, 7 de agosto de 2018.
A Casa da Cultura de Valga acolleu esta mañá un obradoiro de creación de teatros de papel, organizado polas bibliotecas municipais e impartido pola compañía Juste Kamishibai, papel e teatro.
A actividade foi continuación da sesión de contos que tivo lugar a semana pasada no Auditorio, e na que os rapaces asistentes descubriron a técnica pop-up, o kamishibai tradicional xaponés e a narrativa ilustrada do emaki.
Hoxe construíron a maqueta dun teatro clásico coa técnica de varilla vertical, empregando papel e cartolinas. Crearon tamén diferentes escenarios e personaxes a partir de lecturas ou botándolle imaxinación coa invención de historias propias.
As actividades de verán organizadas polas bibliotecas municipais dentro do programa "Ler conta moito" rematan o vindeiro luns. Instalarase no Auditorio un pequeno Museo Científico formado por máis de vinte obxectos co lema "Prohibido non tocar", para espertar a curiosidade dos rapaces e que realicen os seus primeiros experimentos cos que aprender xogando coa ciencia.