- A viaxe institucional do alcalde, a concelleira de Educación e un técnico municipal permitiu afondar neste proxecto presentado ao programa Erasmus+
- A delegación valguesa asistiu a reunións de traballo nos ámbitos educativo e patrimonial, entre outros, e participaron nos actos de conmemoración da independencia do país
Valga, 6 de agosto de 2018.
Valga e a localidade homónima de Estonia están a promover un intercambio xuvenil no que participen mozos das dúas vilas e que xire entorno á educación, a cultura, a formación e o deporte. O proxecto opta a recibir fondos da Unión Europea, en concreto do programa Erasmus+, dirixido á xuventude e que ten, entre os seus obxectivos, facilitar a mobilidade dos cidadáns europeos por motivos de aprendizaxe ou a través de intercambios xuvenís, iniciativas que ofrecen aos mozos a posibilidade de desenvolver as súas habilidades, gañar experiencias interculturais, novas formas de coñecemento e aprender sobre a sociedade e a cooperación europea.
Mentras as dúas localidades promotoras agardan a resolución da Unión Europea, a recente viaxe institucional a Estonia do alcalde, José María Bello Maneiro, a concelleira de Educación, Carmen Gómez, e o técnico municipal e responsable do Museo da Historia Santiago Chenlo, permitiu afondar no futuro desenvolvemento do proxecto en caso de que sexa aprobado e concretar algunhas das súas accións, que se centrarán no coñecemento da cultura, da historia e dos recursos dos dous pobos.
Durante a estancia en Estonia, a delegación valguesa tivo ocasión de coñecer algúns dos enclaves de maior interese da zona como o parque natural Karula, protexido pola Rede Natura 2000, ao igual que o sistema fluvial do Ulla.
Outra das actividades programadas polas responsables do museo estonio, e que supuxo unha inmersión nas raíces culturais estonias, foi unha visita a unha sauna. As saunas de fume conforman para a sociedade estonia, e tamén letona, non só unha actividade de relax ou de mantemento corporal, senón tamén experiencias espirituais e de unión social, chegando incluso a ser lugares de parto ou de despedida de persoas falecidas. Por todo iso, atópanse dentro do listado de Patrimonio Cultural da Unesco. Neste caso, a sauna atopábase nunha caseta de madeira emprazada nunha zona completamente illada. No exterior, unha lagoa permite experimentar o contraste entre o calor e a auga fría.
O alcalde, a concelleira e o técnico municipal asistiron ao desfile militar conmemorativo da independencia de Estonia. Trátase dunha celebración promovida polo Museo Militar de Valga, que leva dez anos celebrándose que garda similitudes coa Batalla de Casaldeirigo, xa que consiste nun desfile seguido da recreación dunha batalla. Participaron clubes militares de sete países diferentes, ademais do exército profesional estonio, que rememoron unha batalla da II Guerra Mundial que enfrentou aos exércitos alemán e soviético. Estonia loitou no bando xermano para liberarse da opresión soviética que rematara coa independencia que o país acadara en 1920.
Durante a estancia no país báltico, a delegación encabezada por José María Bello Maneiro participou en varios encontros de traballo. Reuníronse co director do instituto, Andrus Murumaa, e coa concelleira delegada de Educación, Ivi Tigane, para falar sobre os traballos conxuntos que este centro está a desenvolver co IES de Valga e avaliar os resultados destes contactos educativos. Bello Maneiro e Carmen Gómez propuxeron reforzar este programa estudantil e amplialo ao coñecemento da historia e da cultura das dúas localidades.
Tamén cursaron visitas á Casa do Concello e ao museo local. Aos responsables do museo, no que adoitan realizar actividades con nenos, fixéronlles entrega de pulseiras elaboradas polos rapaces que participan na Escola de Verán, acompañadas da fotografía de cada neno, co seu nome e idade escritos. O obxectivo é que un neno estonio de idade similar reciba esa pulseira da amizade e se cree un vínculo entre rapaces das dúas Valga.
No tocante ás infraestruturas locais, coñeceron o proxecto transfronteirizo que, con fondos da Unión Europea e redactado por un arquitecto español, supuxo a construción dunha rúa peatonal que une as localidades de Valga (Estonia) e Valka (Letonia). Os alcaldes destas dúas vilas recibiron como agasallo botellas conmemorativas da Mostra da Caña do País e as comidas con eles acompañáronse da augardente gañadora do concurso da Caña da País. Ademais, tanto os rexedores como o resto de persoas que acompañaron á delegación valguesa durante a súa estancia, recibiron outros obsequios como xabóns elaborados no CODI e souvenirs de Galicia e do Xacobeo aportados por Turismo de Galicia.