- A lagoa Mina Mercedes e a ponte romana de Campaña foron os últimos destinos das rutas "Valga a pé"
- O martes 7 de agosto continúan as actividades das bibliotecas cun obradoiro de creación de teatros de papel
Valga, 2 de agosto de 2018.
A promoción da igualdade entre os máis pequenos está a centrar parte das actividades da Escola de Verán. Dende esta semana e ata o remate do verán a sala de exposicións do Auditorio alberga a mostra Infancia Crea, con debuxos sobre igualdade pintados polos rapaces do grupo de Cordeiro.
As ilustracións realizáronas nos obradoiros sobre igualdade nos que están a participar e nos que tamén elaboraron o comecocos "Eu pido igualdade", con probas como "Di tres cousas que fai mamá na casa e que tamén podería facer papá". O grupo de Valga sumouse esta semana a estas iniciativas da man de Marcela Santorum, psicóloga do Centro de Información á Muller (CIM), que impartiu un obradoiro sobre a diversidade e o respecto á diferencia.
Nas últimas xornadas continuaron as rutas "Valga a pé", con camiñatas á lagoa Mina Mercedes e á ponte romana de Campaña e hoxe os máis de oitenta nenos inscritos reuníronse no Auditorio para asistir á sesión de contos "As historias viaxeiras", organizada polas bibliotecas municipais e que correu a cargo da compañía "Juste Kamishibai, papel e teatro". Fomentouse a lectura e inculcáronse valores como a cooperación, igualdade e concienciación ambiental con contos nos que se empregaron a técnica pop-up, o kamishibai tradicional xaponés e a narrativa ilustrada do emaki.
Algúns dos rapaces xa participaran a comezos da semana nun taller no que construíron e lanzaron os seus propios cohetes e as actividades organizadas polas bibliotecas continúan o vindeiro martes, 7 de agosto, con outro obradoiro de creación de teatros de papel que terá lugar na Casa da Cultura.