Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Nesta campaña de verán participaron tres persoas que doaban por vez primeira

- O autobús estivo durante a mañá en Pontevalga e pola tarde desprazouse a Cordeiro

doazónxullo1

Valga, 1 de agosto de 2018.

A unidade móbil da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, dependente da Consellería de Sanidade, que durante a xornada de onte se desprazou a Valga dentro da súa campaña “Súmate, doa sangue” acadou no municipio un total de 57 doazóns, tres delas correspondentes a persoas que doaban por vez primeira.

O autobús estivo durante a mañá en Pontevalga, emprazado diante do Concello, e pola tarde desprazouse a Cordeiro, nas inmediacións do Auditorio Municipal, para facilitar que os veciños das distintas parroquias se achegasen a doar. Acudiron un total de sesenta veciños, aínda que tres finalmente non puideron completar a doazón por distintas circunstancias.

Foi a segunda campaña deste ano con maior participación, só superada pola do mes de maio, cando se rexistraron 74 doazóns.

Hai que ter en conta que o verán é unha das épocas de maior dificultade para acadar as doazóns que precisan os enfermos. Os hospitais galegos atenden cada día unha media de 2.700 urxencias, máis de 500 intervencións cirúrxicas e tres transplantes de órganos e tecidos. O obxectivo é acadar as 100.000 doazóns mensuais para poder atender as necesidades de todos os enfermos.

No pasado ano 2017, Valga rexistrou unha taxa de 40 doazóns por cada 1.000 habitantes, situándose dentro das cifras recomendadas pola Organización Mundial da Saúde (OMS). Foron, en total, 242 as doazóns acadadas polas unidades móbiles que se desprazaron ao municipio.

Volver