- Reuníronse co director do instituto estonio para reforzar os programas educativos que desenvolven conxuntamente co IES de Valga
- As dúas localidades homónimas teñen presentado un proxecto ante a Unión Europea para profundizar nos intercambios culturais e educativos
Valga, 28 de xullo de 2018.
O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez están a participar nunha visita institucional a Valga (Estonia) co obxectivo de profundizar no irmandamento entre as dúas localidades homónimas e no intercambio cultural e educativo que manteñen dende hai dous anos. Na visita tamén participa o técnico municipal e responsable do Museo da Historia, Santiago Chenlo.
Á súa chegada á capital de Estonia, Tallin, foron recibidos no aeroporto pola responsable de proxectos estranxeiros, Lea Vutt, e nas últimas xornadas están a participar en sucesivos encontros de traballo co fin de afianzar as relacións.
Reuníronse co director do instituto, Andrus Murumaa, e coa concelleira delegada de Educación, Ivi Tigane, para falar sobre os traballos conxuntos que este centro está a desenvolver co IES de Valga e avaliar os resultados destes contactos educativos. Bello Maneiro e Carmen Gómez propuxeron reforzar este programa estudantil e amplialo ao coñecemento da historia e da cultura das dúas localidades.
Outra das reunións celebradas nestes días centrouse no proxecto de intercambio que as dúas localidades homónimas teñen presentado ante a Unión Europea, para concretar a súa posta en marcha en caso de que sexa aprobado. Neste encontro participaron as dúas responsables locais do desenvolvemento do proxecto, Merili e Marju.
Tamén cursaron visitas á Casa do Concello e ao museo local. Aos responsables do museo, no que adoitan realizar actividades con nenos, fixéronlles entrega de pulseiras elaboradas polos rapaces que participan na Escola de Verán, acompañadas da fotografía de cada neno, co seu nome e idade escritos. O obxectivo é que un neno estonio de idade similar reciba esa pulseira da amizade e se cree un vínculo entre rapaces das dúas Valga. Os responsables do museo estonio confirmaron que elaborarán unhas pulseiras semellantes para que os nenos da localidade as compartan cos seus novos amigos.
Durante a súa estancia no do país báltico, a delegación valguesa está a ser acompañada pola responsable de Comunicación Poim Kama e polo tenente de alcalde, Viktor Magi. No último ano a Valga estonia ten experimentado notables cambios a nivel administrativo e institucional, converténdose nunha agrupación de municipios que mantén o nome de Valga pero que está integrada, ademais, por outras catro vilas e renovando a súa Corporación, que pasou a ter 27 concelleiros. Produciuse tamén un cambio no goberno, agora de coalición entre o partido liberal do alcalde Margus Lepik e os centristas de Viktor Magi.
Na xornada de hoxe, os tres representantes do Concello asistiron a un desfile militar polas rúas de Valga no que participan sete países e que conmemora a independencia do país.
Ao mediodía participaron nunha comida de traballo co alcalde estonio Margus Lepik e co rexedor de Valka (Letonia), Vents Armands Krauklis. A visita institucional obedece, precisamente, a unha invitación que estes dous alcaldes fixeron aos representantes do Concello de Valga.