Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Celébrase na fin de semana do 25 e 26 de agosto, días nos que  os establecementos participantes ofrecerán tapas gratuítas coas consumicións

- As persoas que degusten cinco ou máis elaboracións entrarán no sorteo de dez vales de 30 euros para gastar no comercio local

Tapaanguia2017

Valga, 27 de xullo de 2018.

A quinta edición da ruta concurso “Tapa á Anguía”, que se celebrará na última fin de semana de agosto, coincidindo coa XXVIII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, ten aberto o prazo de inscrición para os bares e restaurantes de Valga.

Os establecementos participantes deberán presentar unha única tapa na que o ingrediente principal será a anguía e servirana aos seus clientes de xeito gratuíto coas consumicións o sábado 25 e o domingo 26. Será o Concello o que lles facilite e anguía xa limpa para que os cociñeiros poidan preparar as receitas.

O prazo para comunicar á Concellería de Cultura o interese en participar nesta ruta remata o vindeiro venres 3 de agosto.

As persoas que, durante a fin de semana da "Tapa á Anguía", completen a ruta ou que reúnan cando menos cinco selos doutros tantos bares poderán votar polo seu pincho preferido nas urnas que haberá nos propios locais de hostalería e, deste xeito, entrarán no sorteo de dez vales de compra de 30 euros para gastar nos comercios de Valga.

A votación popular terá un peso do 50% na elección da tapa gañadora, mentras que o outro 50% recaerá sobre un xurado que percorrerá todos os establecementos participantes para degustar as súas preparacións. O bar que elabore a mellor receita recibirá o Mandil de Ouro e o segundo e terceiros clasificados, os mandís de Prata e Bronce.

Tapaanguía Bando

Volver