- Comisións veciñais integradas por un mínimo de tres persoas poden presentar os proxectos de mellora no Concello
- O Concello aporta os materiais precisos para executar as obras e outorgará gratificacións de 300, 200 e 100 euros
Valga, 26 de xullo de 2018.
O vindeiro martes, 31 de xullo, remata o prazo de inscrición no concurso "Embelecer Valga", unha iniciativa que trata de implicar á veciñanza no coidado e mantemento dos espazos públicos da vila. O certame premia ao lugar máis fermoso acondicionado e engalanado pola cidadanía, xa sexa no ámbito urbano ou rural do municipio, de maneira que os veciños dos diferentes núcleos de poboación poden agruparse coa finalidade de levar a cabo, de forma voluntaria e gratuíta, accións consistentes na limpeza, mellora, dotación de equipamentos ou ornamentación de paraxes públicos.
Para elo teñen que formar unha comisión veciñal na que un dos integrantes actúe como representante e presentar unha solicitude no Concello. Este documento debe estar asinado por un mínimo de tres membros do colectivo e acompañado dunha pequena memoria descritiva das accións de mellora a desenvolver e os materiais que se estimen precisos. Tamén se require unha reportaxe fotográfica do lugar no que se levarán a cabo as actuacións. Serán aceptadas todas aquelas solicitudes conformadas por residentes no concello de Valga, sempre e cando se considere viable a acción proposta.
O Concello facilitará todos os medios precisos para a execución dos proxectos aprobados e porá a disposición dos participantes os materiais necesarios para o desenvolvemento das obras e actuacións. Os servizos técnicos municipais realizarán un seguemento das accións en concurso, xirando inspeccións e ditando instrucións cando sexa preciso. O prazo de execución das obras rematará na terceira fin de semana de agosto.
O xurado encargado de valorar cada unha das actuacións estará presidido pola concelleira de Cultura e terá como vogais a un representante de cada comisión veciñal participante. Actuará como secretario o concelleiro de Facenda e Patrimonio. O proxecto mellor valorado será premiado cun agasallo, diploma e 300 euros e o segundo clasificado recibirá os mesmos galardóns coa excepción da cantidade económica, que ascenderá a 200 euros. As demais comisións presentadas recibirán un diploma e unha gratificación de 100 euros.
Na edición de 2017 foron dezaseis as comisións veciñais inscritas. O lugar gañador foi Vilar, con Barcia en segundo posto e Canle como terceiro clasificado.