Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A actividade centrouse no libro "A festa no faiado", da autora homenaxeada no Día das Letras Galegas

- O vindeiro martes terá lugar na Casa da Cultura un obradoiro de foguetes

faiado1

Valga, 24 de xullo de 2018.

Os rapaces que participan nas actividades de conciliación da Escola de Verán asistiron o luns pola mañá no Auditorio a un obradoiro de contos organizado polas bibliotecas municipais.

"Contos da festa no faiado" achegou aos nenos á figura de María Victoria Moreno, autora homenaxeda este ano no Día das Letras Galegas, e permitiulles coñecer o seu mundo divertido cheo de amor pola lingua galega e os animais.

A actividade centrouse no libro "A festa no faiado", que inclúe historias protagonizadas por Uxía, unha boneca abandonada nun faiado que fai novas amizades con gatos, paxaros e outros animais que tamén se senten sós coma ela.

Para a vindeira semana, as bibliotecas teñen programadas outras dúas actividades. O martes, día 31,  ás 11 horas terá lugar na Casa da Cultura de Valga un obradoiro de foguetes a cargo da compañía Ciencia en Ruta. Trátase dunha actividade que fomenta a imaxinación e a investigación e na que os asistentes terán a oportunidade de construír o seu propio foguete e lanzalo.

E o xoves 2 de agosto, tamén ás 11, haberá no Auditorio "As historias viaxeiras. Kamishibai e teatro de papel", unha singular montaxe na que, a través da manipulación do kamishibai e adaptacións do teatro de papel, os nenos poderán coñecer contos e lendas de todos os continentes e achegarse a valores relacionados coa cooperación, a igualdade, a concienciación ambiental e a paixón pola lectura.

Estes obradoiros forman parte do programa de dinamización da lectura "Ler conta moito", da Rede Galega de Bibliotecas, e son gratuítos para todas as persoas que queiran asistir.

faiado3 faiado2

faiado4

Volver