Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Presidido polo alcalde, o tribunal estivo integrado por Pegerto Saavedra Fernández, Xulio Rodríguez González, Pablo Sánchez Ferro e Marcial Gondar Portasany

- Un total de catorce traballos optan ás dúas modalidades: "A cantidade e a calidade das obras aumentou sustantivamente"

xuradofc2

Valga, 23 de xullo de 2018.

O xurado do XIX Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo reuniuse este mediodía na Sala de Comisións do Concello para deliberar sobre os catorce proxectos e traballos presentados ao certame e elixir aos gañadores das dúas modalidades.

O tribunal, presidido polo alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, estivo integrado por Pegerto Saavedra Fernández, catedrático de Historia Moderna na Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Galega; Xulio Rodríguez González, director do Museo Arqueolóxico de Ourense e facultativo do corpo superior de museos; Pablo Sánchez Ferro, neto de Xesús Ferro Couselo, director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e técnico superior do corpo facultativo de arquiveiros da Xunta de Galicia; e Marcial Gondar Portasany, catedrático de Antropoloxía Social da USC, membro da sección de Etnografía do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e do padroado do Museo do Pobo Galego. Como secretario, con voz pero sen voto, actuou José Ramón Rial Becerra, membro do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Valga.

Foron once as propostas doutros tantos autores que se presentaron na primeira modalidade do Premio, dotada con 4.000 euros e referida a traballos de investigación de ámbito galego, dentro das especialidades de etnografía, paleografía, numismática, arqueoloxía, historia e historia da arte. Os traballos son “Orixe, evolución e reconstrución do Priorado Santiaguiño de Vilar de Donas”, “No testar, vida vas atopar”, “Investigación e didáctica da represión franquista en Galicia partindo da memoria oral dun home que non se deixou cazar”, “O estatus servil e a ausencia de liberdade na Galicia Noroccidental (séculos IX-XII), “A xustiza civil ordinaria nos tribunais da área de Ortigueira en época preestatística”, “Atila no Grove: crónica política e memoria da masacre (1923-1948)”, “Tinta e sal”, “Orixe, formación e reconstrución da fortaleza baixo medieval do Castelo de Pambre”, “Historia social da Igrexa galega na Idade Media (séculos V-XIII), “A organización do espazo da antiga diócese de Tui ao norte do Miño” e “A historia do humor gráfico galego (1868-2018)".

Á segunda modalidade, pola que se convoca unha bolsa de estudos para proxectos centrados en estudos históricos, etnográficos ou sobre persoeiros do municipio de Valga, concorreron un total de tres propostas centradas nas seguintes temáticas: a vida e obra de José Bouchet, nado en Valga e emigrado á Arxentina, onde destacou como un dos artistas pictóricos máis relevantes de finais do século XIX e principios do XX; a Casa da Palma, unha construción que se conserva no lugar de Fontenlo, na ladeira do monte Louro ao pé do Camiño de Santiago; e a cartografía xurisdicional galaica. Neste caso os participantes tiñan que presentar un guión razoado detallando os obxectivos que pretenden acadar co seu traballo, a metodoloxía a empregar e as distintas fases de realización. Esta bolsa está dotada con 3.000 euros. O 25% desta cantidade entregarase unha vez fallado o premio e o 75% restante ao remate do proxecto.

Os membros do xurado destacaron o incremento do número de traballos presentados con respecto a edicións anteriores (o ano pasado foron sete) e tamén o nivel dos mesmos. "A cantidade e a calidade das obras aumentou sustantivamente", ratificou Marcial Gondar. Pegerto Saavedra engadiu que "este é o ano no que máis traballos se presentaron dende que se convoca o certame" e atribúe o éxito do Premio Ferro Couselo entre os investigadores galegos á amplitude de temáticas que se admiten e a que "está ben dotado económicamente, co engadido de que se edita o libro gañador".

Os gañadores das dúas modalidades daranse a coñecer o vindeiro 30 de xullo, cando se cumpren 112 anos do nacemento de Xesús Ferro Couselo.

O Premio de Investigación Ferro Couselo busca promover e incentivar os estudos actuais de investigación no campo das ciencias históricas e ven sendo convocado polo Concello dende o ano 1996, no que a Real Academia Galega adicou o Día das Letras Galegas ao Fillo Predilecto de Valga e insigne figura da cultura galega.

xuradofc1 xuradofc3

Volver