- Inscritos de Vigo, Marín, Bueu, Santiago, Valga e a súa contorna participan na competición no pavillón municipal de Baño
- O Concello colabora na actividade, que reparte máis de 1.000 euros en premios entre os tres primeiros clasificados
Valga, 20 de xullo de 2018.
Un total de 24 equipos participan desde hoxe na oitava edición do Torneo de Fútbol Sala de Valga, unha competición que se prolongará ata a tarde do domingo no pavillón municipal de Baño. Baixo a organización do Club Fútbol Sala Valga e coa colaboración do Concello, os encontros da fase de grupos darán comezo ás 20 horas de hoxe e continúan ata a 1:30 da madrugada, aproximadamente.
Mañá ás oito da mañá retómase o torneo e está previsto que arredor das 20 horas remate a fase de grupos e pasen a disputarse os cuartos de final. As semifinais celebraranse o domingo a partir das cinco da tarde e a final está prevista para as 20:30 horas. Na xornada de clausura haberá tamén un torneo de lanzamento de penaltis previsto para as 19 horas.
A competición conta con inscritos de Valga e da súa contorna, pero tamén doutras zonas da provincia e de Galicia como Vigo, Marín, Bueu, Pontevedra ou Santiago, entre outras. O equipo gañador recibirá un premio de 700 euros, o segundo clasificado 250 euros e o terceiro 100 euros, acompañadas estas gratificacións de trofeos. Tamén haberá distincións para o máximo goleador do torneo, o porteiro menos goleado e o mellor xogador.