- O grupo do Auditorio, o máis numeroso con máis de 50 rapaces, participou esta semana nun obradoiro de igualdade
- Na Casa da Cultura de Valga realizaron en xogos grupais para coñecerse, leron contos na biblioteca e fixeron manualidades
Valga, 20 de xullo de 2018.
A Escola de Verán gratuíta que o Concello de Valga organiza para favorecer a conciliación familiar e laboral durante o período de vacacións cumpre a súa primeira semana de actividade dende a súa posta en marcha o pasado luns. Nestes días, os máis de 80 nenos inscritos tiveron tempo de coñecerse entre eles a os seus monitores cunha chea de xogos e actividades lúdicas e educativas.
Os dous grupos, que se reúnen polas mañás no Auditorio e na Casa da Cultura, comezaron a semana con dinámicas grupais, xogos colectivos e actividades deportivas para facilitar que os rapaces se coñecesen. Nestes días inauguráronse as rutas "Valga a pé", con camiñatas ao Miradoiro de Beiro e á lagoa Mina Mercedes, acompañados polos usuarios do CODI, ademais dos monitores e Protección Civil.
No Auditorio e cos nenos divididos por grupos de idades, tivo lugar un obradoiro de igualdade impartido por Marcela Santorum, psicóloga do Centro de Información á Muller (CIM). Na sesión traballáronse conceptos como a diversidade, o respecto á diferencia e a autopercepción. Os rapaces tamén realizaron debuxos sobre igualdade para a exposición Infancia Crea, que poderá verse no Auditorio durante o verán, e achegáronse á figura da activista paquistaní Malala Yousafzai, Premio Nobel da Paz.
Na Casa da Cultura ao longo desta semana celebráronse sesións de cineforum e manualidades, realizáronse actividades en inglés e xogos no Parque Irmáns Dios Mosquera. Os nenos participaron tamén na "Hora do conto", unha actividade organizada en colaboración coas bibliotecas municipais e que quere incentivar a lectura durante o verán.