- O tubo actual de 1.500 milímetros de diámetro está a ser substituído por un novo marco de 4x1'5 metros
- Os traballos obrigan a pechar ao tráfico o acceso á Devesa dende a igrexa por un prazo aproximado de quince días
Valga, 19 de xullo de 2018.
As obras para dar solución aos problemas de enchentes no río Soutiño continúan no lugar da Devesa, en concreto na estrada que dá acceso a este núcleo dende a igrexa de Campaña, que permanecerá cortada ao tránsito de vehículos durante un período aproximado de quince días.
Os traballos teñen como obxectivo ampliar a estrutura hidráulica existente baixo a estrada, para aumentar a súa capacidade e evitar o efecto barreira que producía ata o de agora. O tubo existente de 1.500 milímetros de diámetro está a ser substituído por un novo marco de 4x1'5 metros, con capacidade suficiente para a avenida de 100 anos de período de retorno.
O proxecto para mitigar os efectos dos asolagamentos en Valga é financiado pola Xunta de Galicia con case un millón de euros. As obras de encauzamento do río Soutiño están xa avanzadas en dous dos tres tramos que diferencia o proxecto: o primeiro, que abarca dende a vía do ferrocarril ata o tramo xa encauzado na anterior fase executada hai anos; e o segundo, augas abaixo do anterior e chegando ata a estrada. O terceiro tramo, aínda pendente de executar, conlevará o ensanche do cauce na zona ubicada tralas vivendas.
Tamén se están a realizar melloras no río Valga e nalgún dos seus alfuentes. Estase a actuar agora no regato do Cual, no tramo comprendido entre o Parque Irmáns Dios Mosquera e a estrada de San Miguel, coa ampliación da capacidade do regato e a prolongación do encauzamento con gavións augas arriba do parque e ata o cruce coa estrada.
Xa se executaron a eliminación dunha presa e acondicionamento dunha toma de auga na zona da Torre e a prolongación da defensa da marxe esquerda nun tramo de 60 metros de lonxitude no Souto.