- Unha unidade móbil desprazarase o día 31 de xullo a Pontevalga e a Cordeiro
- Solicítase a máxima colaboración e solidariedade dos veciños, xa que o verán é unha das épocas de máis dificultade para acadar doazóns
Valga, 18 de xullo de 2018.
Valga rexistrou no ano 2017 unha taxa de 40 doazóns por cada 1.000 habitantes, segundo os datos facilitados pola Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos da Consellería de Sanidade. Foron, en total, 242 doazóns as acadadas polas unidades móbiles que se desprazaron ao municipio, unha cifra superior ás 234 de 2016. A taxa de 40 doazóns por milleiro de persoas é idéntica á rexistrada en Galicia en 2017 e está dentro das recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS).
Para manter este nivel de participación entre os valgeses, a Axencia Galega do Sangue traslada de novo unha unidade móbil de doazón a Valga o vindeiro 31 de xullo, dentro da campaña de verán “Súmate, doa sangue”. O autobús estará emprazado en Pontevalga, diante do Concello, de 10 a 14 horas e pola tarde trasladarase a Cordeiro, xunto ao Auditorio Municipal, entre as 16 e as 21 horas.
O verán é unha das épocas de maior dificultade para acadar as doazóns que precisan os enfermos, por iso se apela a unha maior colaboración e solidaridade da cidadanía para tratar de cubrir as necesidades dos hospitais galegos, que atenden cada día unha media de 2.700 urxencias, máis de 500 intervencións cirúrxicas e tres transplantes de órganos e tecidos. O obxectivo é acadar as 100.000 doazóns cada mes, cifra que precisan os hospitais para atender a todos os enfermos. Ademáis, incídese na concienciación dun grupo especial de doadores universais, con sangue cero negativo, que son apenas 7 de cada 100. A Axencia Galega de Sangue incide en que “os enfermos non toman vacacións” no verán e “moitas persoas dependen da nosa solidariedade para recuperar a súa saúde”.
Poden acudir a doar as persoas de entre 18 e 65 anos de idade, con máis de 50 quilos de peso e que non padezan nin teñan padecido enfermidades transmisibles polo sangue. Non deben acudir sen almorzar e despois de xantar teñen que deixar pasar dúas horas, sen esquecer levar a tarxeta de doador, DNI ou documento similar. Antes da doazón, un médico realiza unha entrevista e un exame básico para preservar a saúde do doador e protexer ao futuro receptor dos compoñentes sanguíneos. Os homes poden doar un máximo de catro veces ao ano e as mulleres tres, deixando pasar entre cada unha delas un mínimo de dous meses.
Hai que ter en conta que de cada doazón de sangue obtéñense tres compoñentes: glóbulos vermellos, plasma e plaquetas, que adoitan utilizarse por separado, de maneira que unha doazón pode beneficiar a máis dun paciente. Enfermos que se teñen que operar, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancro ou leucemia ou se teñen que someter a transplantes de órganos son os principais receptores das doazóns. Unha intervención cirúrxica pode precisar dúas bolsas de glóbulos vermellos e nalgúns accidentes de tráfico e transplantes de fígado chégase a utilizar o sangue que doan dez ou vinte persoas.