- Vinte persoas desempregadas recibiron formación nas especialidades de albanelería e carpintería e executaron obras en espazos e edificios públicos
- A Xunta de Galicia financiou a acción formativa cunha inversión de 280.000 euros
Valga, 16 de xullo de 2018.
O Obradoiro de Emprego Ulla-Umia II, que promoveron os concellos de Valga e Moraña, clausurouse esta mañá despois de nove meses de formación nas especialidades de albanelería e carpintería. O acto de clausura contou coa presenza do delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, o xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial, e os alcaldes de Valga e Moraña, José María Bello Maneiro e Luisa Piñeiro.
O Obradoiro, financiado pola Xunta de Galicia con 280.000 euros, desenvolveuse dende mediados de outubro de 2017, un período no que os vinte alumnos desempregados participantes recibiron formación teórica e realizaron traballos e percibiron o salario mínimo interprofesional. Esta mañá recibiron das autoridades os diplomas e certificados de profesionalidade nos ámbitos de Operacións auxiliares de revestimentos en construción e fábricas de albanelería e Traballos en carpintería e moble e aplicacións de barnices e lacas.
No transcurso do Obradoiro, os alumnos executaron obras en espazos e edificios públicos. No caso de Valga, traballaron no interior do Edificio Administrativo, no que as alumnas da especialidade de albanelería realizaron o levantamento das tabiquerías de fábrica de ladrillo e o revestimento das mesmas a base de morteiro, separando o hall, aseos, pasillos e as dependencias que albergarán a radio municipal. Tamén fixeron unha soleira de recrecido do piso, limparon e rexuntaron con morteiro coloreado as paredes de pedra e alicataron e solaron os aseos.
Pola súa parte, o alumnado do módulo de carpintería instalou o falso teito a base de madeira entablillada, levantaron as paredes de chapa de madeira, instalaron cornixas e rodapés e colocaron as portas e chan de tarima.
O alcalde, José María Bello Maneiro, felicitou aos participantes pola formación adquirida, que lles facilitará a súa inserción no mercado laboral, e tamén polas obras executadas en beneficio de todos os veciños. Lembrou, ademais, que os concellos de Valga e Moraña teñen presentado un novo proxecto de obradoiro de emprego para o vindeiro ano 2019 ante a Consellería de Economía, Emprego e Industria.