- Os rapaces, de 5 a 14 anos, participarán en obradoiros educativos e rutas polo municipio divididos en dous grupos, un con base na Casa da Cultura e outro no Auditorio.
- Dez monitores e un grupo de voluntarios están ao coidado dos rapaces durante as actividades, que se desenvolven de luns a venres de 10 a 13 horas
Valga, 16 de xullo de 2018.
A Escola de Verán gratuíta que o Concello de Valga organiza para favorecer a conciliación familiar e laboral durante o período de vacacións comezou esta mañá con xogos populares e actividades lúdicas nas que participaron os máis de 80 nenos inscritos divididos en dous grupos, un na Casa da Cultura de Valga e outro no Auditorio Municipal, en Cordeiro.
Na mañá inaugural, o grupo do Auditorio trasladouse á Candieira para participar xogos populares e actividades deportivas. Cada día dous rapaces son designados como “Axentes Verdes”, o que os converte en responsables dos xoguetes e da recollida do lixo, concienciándose así sobre a importancia do coidado do medio ambiente. A cambio reciben un agasallo.
Pola súa parte, o grupo da Casa da Cultura desprazouse ao Parque Irmáns Dios Mosquera, onde realizaron xogos de presentación e actividades colectivas para favorecer que os nenos se coñezan entre si e comecen a entablar relación.
Os inscritos, de entre 5 e 14 anos de idade, poderán divertirse e compartir experiencias durante todo o verán con actividades lúdicas e educativas como as rutas turísticas “Valga a pé”, contacontos pola igualdade, bibliotecas estivais, cineforum, cifras e letras, manualidades e xogos populares, de mesa e na rede. Ademais, a programación inclúe os obradoiros Educando en Igualdade, Seguridade e primeiros auxilios con Protección Civil, Contos da festa no faiado ou Museo Científico, entre outros.
Dez monitores e un grupo de nove voluntarios están ao coidado dos nenos e dirixen as actividades a realizar.
Os rapaces, de 5 a 14 anos, participarán en obradoiros educativos e rutas polo municipio divididos en dous grupos, un con base na Casa da Cultura e outro no Auditorio