Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Catorce traballos de investigación optan ás dúas modalidades

- Os gañadores daranse a coñecer na última semana de xullo, coincidindo coa data de nacemento de Xesús Ferro Couselo

xuradofc

Valga, 11 de xullo de 2018.

O xurado da XIX edición do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo reunirase o vindeiro 23 de xullo para elixir os traballos gañadores.

O tribunal estará presidido polo alcalde, José María Bello Maneiro, e integrado por Pegerto Saavedra Fernández, catedrático de Historia Moderna na Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Galega; Xulio Rodríguez González, director do Museo Arqueolóxico de Ourense e facultativo do corpo superior de museos; Pablo Sánchez Ferro, neto de Xesús Ferro Couselo, director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e técnico superior do corpo facultativo de arquiveiros da Xunta de Galicia; e Marcial Gondar Portasany, catedrático de Antropoloxía Social da USC, membro da sección de Etnografía do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e do padroado do Museo do Pobo Galego. Como secretario, con voz pero sen voto, actuará un membro do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Valga.

Un total de catorce traballos optan a gañar as dúas modalidades do certame, que convoca anualmente o Concello de Valga. 

Son once as propostas que concorren á primeira modalidade do Premio, dotada con 4.000 euros e referida a traballos de investigación de ámbito galego dentro das especialidades de etnografía, paleografía, numismática, arqueoloxía, historia e historia da arte.

Os traballos son “Orixe, evolución e reconstrución do Priorado Santiaguiño de Vilar de Donas”, “No testar, vida vas atopar”, “Investigación e didáctica da represión franquista en Galicia partindo da memoria oral dun home que non se deixou cazar”, “O estatus servil e a ausencia de liberdade na Galicia Noroccidental (séculos IX-XII), “A xustiza civil ordinaria nos tribunais da área de Ortigueira en época preestatística”, “Atila no Grove: crónica política e memoria da masacre (1923-1948)”, “Tinta e sal”, “Orixe, formación e reconstrución da fortaleza baixo medieval do Castelo de Pambre”, “Historia social da Igrexa galega na Idade Media (séculos V-XIII), “A organización do espazo da antiga diócese de Tui ao norte do Miño” e “A historia do humor gráfico galego (1868-2018)".

Á segunda modalidade, pola que se convoca unha bolsa de estudos para proxectos centrados en estudos históricos, etnográficos ou sobre persoeiros do municipio de Valga, concorreron un total de tres propostas centradas nas seguintes temáticas: a vida e obra de José Bouchet, nado en Valga e emigrado á Arxentina, onde destacou como un dos artistas pictóricos máis relevantes de finais do século XIX e principios do XX; a Casa da Palma, unha construción que se conserva no lugar de Fontenlo, na ladeira do monte Louro ao pé do Camiño de Santiago; e a cartografía xurisdicional galaica.

Neste caso os participantes tiñan que presentar un guión razoado detallando os obxectivos que pretenden acadar co seu traballo, a metodoloxía a empregar e as distintas fases de realización. Esta bolsa está dotada con 3.000 euros. O 25% desta cantidade entregarase unha vez fallado o premio e o 75% restante ao remate do proxecto.

Os gañadores daranse a coñecer na última semana de xullo, coindindo coa data de nacemento de Xesús Ferro Couselo. As obras premiadas quedarán en poder do Concello, que se reserva o dereito de publicación.

Este certame busca promover e incentivar os estudos actuais de investigación no campo das ciencias históricas e ven sendo convocado polo Concello dende o ano 1996, no que a Real Academia Galega adicou o Día das Letras Galegas a Xesús Ferro Couselo, Fillo Predilecto de Valga e insigne figura da cultura galega. Na edición de 2017, a obra gañadora na primeira modalidade foi “Vade Retro. Ritualística protectora, obxectos curativos e uso de amuletos na cultura popular galega”, de Rafael Quintía Pereira. E o xurado elixiu, na segunda modalidade, o proxecto “A veiga máxica. Rescate da cosmovisión popular no municipio de Valga”, de Natalia Sueiro Monje.

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver