Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- É o sétimo municipio da provincia de Pontevedra en xeración de postos de traballo para menores de 30 anos

- O alcalde destaca a adaptación da oferta formativa ás necesidades das empresas como un dos factores clave

 

Valga, 9 de xullo de 2018.

Valga é un dos concellos de Galicia no que máis emprego xuvenil se ten creado nos últimos anos, segundo se desprende dos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre as afiliacións á Seguridade Social.

En marzo do ano 2015 eran 303 as persoas menores de 30 anos con residencia en Valga afiliadas á Seguridade Social en situación de alta laboral, unha cifra que nos tres últimos anos medrou ata os 331 mozos cotizantes que se contabilizaron en marzo de 2018, último mes do que se teñen publicado datos.

Isto supón un crecemento do 9'24% no último trienio, superior ao da media galega que foi dun 2'94% no mesmo período. Segundo os datos estatísticos do IGE, só un de cada tres concellos galegos é capaz de crear emprego xuvenil.

No caso de Valga, o repunte da actividade industrial é un dos factores clave nesta subida, así como a adaptación da oferta formativa ás necesidades e demandas dos sectores produtivos, o que favorece a inserción dos mozos no mercado laboral. Exemplo disto é a FP Dual que se ten implantado no IES, primeiro cun Ciclo Superior de Construccións Metálicas de dous anos de duración, e na actualidade cun Ciclo Medio de Soldadura e Caldeirería que compaxina as clases teóricas no instituto coa realización de prácticas remuneradas nunha decena de empresas do municipio e da contorna.

"Os alumnos que participaron no Ciclo Superior de Construcións Metálicas están todos traballando, mentras que os resultados do Ciclo Medio de Soldadura e Caldeirería están a ser tan bos que se vai ampliar no vindeiro curso coa entrada dunha nova remesa de estudantes en condicións aínda máis vantaxosas", destaca o alcalde, José María Bello Maneiro. "Os resultados confirman que se está acertando á hora de elixir os ciclos que se imparten no IES e que iso está a beneficiar a empregabilidade dos mozos de Valga", engade.

noticia ampliada copia copia

Volver