Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O primeiro taller, fixado para o 23 de xullo, está centrado na figura de María Victoria Moreno

- As actividades, que terán lugar na Casa da Cultura e no Auditorio, son todas gratuítas

 

Valga, 13 de xullo de 2018.

As bibliotecas municipais de Valga organizan para este verán cinco obradoiros que terán lugar no Auditorio Municipal e na Casa da Cultura e forman parte do programa de dinamización da lectura "Ler conta moito", promovido pola Rede Galega de Bibliotecas.

A primeira actividade está fixada para o luns 23 de xullo. "Contos da festa no faiado" é unha sesión de contos para achegar aos nenos a figura de María Victoria Moreno, autora homenaxeda este ano no Día das Letras Galegas, e coñecer o seu mundo divertido cheo de amor pola lingua galega, os animais, as viaxes e o mar.

O martes, día 31, na Casa da Cultura terá lugar un obradoiro de foguetes a cargo da compañía Ciencia en Ruta. Trátase dunha actividade que fomenta a imaxinación e a investigación e na que os asistentes terán a oportunidade de construír o seu propio foguete e lanzalo.

O xoves 2 de agosto retómanse as actividades no Auditorio con "As historias viaxeiras. Kamishibai e teatro de papel", un contacontos que tivo que ser aprazado en xuño. Trátase dunha singular montaxe na que, a través da manipulación do kamishibai e adaptacións do teatro de papel, os nenos poderán coñecer contos e lendas de todos os continentes e achegarse a valores relacionados coa cooperación, a igualdade, a concienciación ambiental e a paixón pola lectura.

Para o martes 7 de agosto está fixado o "Obradoiro de creación de teatros de papel", no que se ensinará aos rapaces a construír a maqueta dun teatro clásico e a crear escenarios a partir de textos existentes ou inventando historias novas.

Por último, o luns 13 de agosto instalarase no Auditorio un pequeno Museo Científico formado por máis de vinte obxectos co lema "Prohibido non tocar", para espertar a curiosidade dos rapaces e que realicen os seus primeiros experimentos cos que aprender xogando coa ciencia.

Á entrada a todas actividades é de balde.

Os contos da festa

Obradoiro de Foguetes

Historias viaxeiras

Obradoiro teatro de papel

Museo Cientifico

Volver