Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Executaron as tabiquerías de ladrillo para distribuír o espazo que albergará, nun futuro, distintos servizos municipais

- Tamén se encargan de instalar os falsos teitos, paredes e portas de madeira

obrasobradoiro1

Valga, 3 de xullo de 2018.

O alumnado do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia II, que comparten os concellos de Valga e Moraña, ten avanzadas as obras de rehabilitación do edificio de usos administrativos.

As dez alumnas da especialidade de albanelería realizaron o levantamento das tabiquerías de fábrica de ladrillo e o revestimento das mesmas a base de morteiro, separando o hall, aseos, pasillos e as dependencias que albergarán a radio municipal, quedando así o edificio cunha nova distribución. Tamén fixeron unha soleira de recrecido do piso, limparon e rexuntaron con morteiro coloreado as paredes de pedra e alicataron e solaron os aseos.

Pola súa parte, o alumnado do módulo de carpintería instalou o falso teito a base de madeira entablillada, levantaron as paredes de chapa de madeira, instalaron cornixas e rodapés e van colocar as portas e chan de tarima.

O alcalde, José María Bello Maneiro, a concelleira de Formación e Emprego, Carmen Gómez, a directora do Obradoiro, Mª Carmen Vidal e o arquitecto municipal visitaron onte as obras para comprobar o seu avance.

O obradoiro de emprego Ulla-Umia II deu comezo a mediados de outubro de 2017 e clausurarase o vindeiro 16 de xullo. Conta coa participación de dez desempregados de Valga e outros tantos de Moraña. Os vinte alumnos, quince mulleres e cinco homes, estanse a formar nas especialidades de albanelería e carpintería e, durante os nove meses de duración do Obradoiro, están a percibir o salario mínimo interprofesional. A Xunta de Galicia aportou 280.000 euros para financiar esta acción formativa, mentras que os Concellos de Valga e Moraña sufragan os materiais para as obras que os alumnos levan a cabo nos respectivos municipios.

obrasobradoiro2 obrasobradoiro3 obrasobradoiro4

Volver