- Os estudantes matriculados recibirán formación simultánea no instituto e nas empresas, cobrarán unha bolsa de 350 euros e terán dereito a vacacións
- Estas novas condicións que se ofrecen tratan de incentivar o interese por parte do alumnado
Valga, 2 de xullo de 2018.
O IES de Valga aumenta a súa oferta educativa de cara ao vindeiro curso e faino coa ampliación do ciclo medio de Soldadura e Caldeirería que, na modalidade de formación dual, imparten o instituto e unha decena de empresas de Valga e da súa contorna. Ademais, incorpora por vez primeira a Formación Profesional de adultos.
En virtude do convenio asinado entre a Consellería de Educación e as empresas ODL, Stac, Aluminios Padrón, Gama e Hijos, Curvados Anros, Maimbar, Alfogar, Fundivisa e Thune Eureka, o IES de Valga oferta un segundo grupo da FP Dual de Soldadura e Caldeirería para o curso 2018/19. Está programado a dous anos e as empresas participantes comprométense a acoller un mínimo de trece alumnos.
Introdúcense novidades a modo de incentivos para o alumnado, que cobrará 350 euros durante practicamente todo o curso –a diferencia de proxectos anteriores, nos que só cobraba durante a estadía na empresa unha vez rematada a formación no IES–. Ademais, os estudantes terán dereito a un mínimo de 30 días naturais de vacacións en cada un dos cursos. Outra novidade é que a partir de novembro a formación será simultánea, de maneira que polas mañás o alumnado irá ás empresas e polas tardes terán clase no instituto.
Ademais, ofértanse por primeira vez nove prazas de Formación Profesional de adultos, cos mesmos módulos que na FP Dual de Soldadura e Caldeirería. Os requisitos para os matriculados son os mesmos que na FP ordinaria.
REQUISITOS E PRAZOS DA FP DUAL
Segundo contempla a Orde da Consellería de Educación do 14 de xuño de 2018, os candidatos do ciclo medio de FP Dual de Soldadura e Caldeirería deben cumprir os seguintes requisitos:
- Ter entre 18 e 29 anos no ano natural en que inicien os estudos.
- Cumprir os requisitos establecidos no artigo 41 da Lei 2/2006, como estar en posesión do título de Educación Secundaria ou ter superado a proba de acceso aos ciclos de Grao Medio.
- Carecer da cualificación profesional obtida e recoñecida polo sistema de formación para o emprego ou do sistema educativo, requerida para concertar un contrato en prácticas para o posto de traballo ou a ocupación obxecto do proxecto.
- Non ter realizado con anterioridade un contrato de formación e aprendizaxe e cumprir os requisitos establecidos na normativa laboral vixente para poder efectualo.
- Non ter superado ningún módulo profesional do ciclo formativo do proxecto solicitado, agás que fose cursando outro ciclo.
As solicitudes deben tramitarse no IES de Valga xunto co DNI, certificación da titulación que presenta como requisito e curriculum vitae. A data límite é o 14 de setembro.´
Para máis información os interesados poden poñerse en contacto co instituto a través do número de teléfono 881 151 980 ou do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..