Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A procesión de catamaráns pasará por Valga entre as 18 e as 18:15 horas, coincidindo coa celebración da Festa da Xuventude

- Este singular itinerario marítimo-fluvial, no que colabora o Concello, foi declarado de interese cultural pola Xunta de Galicia

remonte2017

Valga, 29 de xuño de 2018.

A Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla celebra este domingo, 1 de xullo, unha nova edición do remonte do río Ulla, co que se conmemora o traslado dos restos do Apóstolo Santiago ata o porto da cidade romana de Iria Flavia.

A “Traslatio”, que cumpre a súa XXXIV edición, ten prevista a súa saída as 16:20 horas dende o porto deportivo da Pobra do Caramiñal, logo dun acto institucional nesa mesma localidade, e arribará a Pontecesures e Padrón arredor das 18:30 horas, segundo as estimacións da organización. O remonte, no que participan varios catamaráns engalanados e tamén outras embarcacións privadas, poderá verse dende a praia fluvial de Vilarello entre as 18 e as 18:15 horas, aproximadamente, coincidindo coa celebración da Festa da Xuventude.

A Ruta Traslatio ou Ruta Xacobea marítimo-fluvial do mar de Arousa e o río Ulla  naceu no ano 1963 por iniciativa da Fundación Ruta Xacobea do mar de Arousa e Ulla, entidade que promociona o Camiño de Santiago, e foi declarada de interese cultural e galego pola Xunta de Galicia no ano 1999. Consiste nunha colorida procesión marítimo-fluvial que parte dende diferentes portos da Ría de Arousa –este ano Vilagarcía- con destino a Pontecesures e Padrón e na que participan embarcacións engalanadas e numeroso público. Este singular itinerario rememora o traxecto realizado no século I pola barca que transportaba os restos de Santiago O Maior logo do seu martirio en Xerusalén. Conta a tradición que, unha vez alcanzadas as costas galegas, a embarcación remontou a Ría de Arousa e o río Ulla ata alcanzar o porto de Iria Flavia.

Ademais da entidade promotora, a Fundación Ruta Xacobea, colaboran nesta actividade un total de 18 concellos das comarcas de Arousa, O Ullán e Sar, entre eles o de Valga.

Volver