- O concurso escolar convocado polo Concello contou con quince grupos participantes dos dous centros de Primaria de Valga
- As aulas clasificadas nos tres primeiros postos recibirán vales de 100, 75 e 50 euros para a adquisición de material didáctico
Valga, 28 de xuño de 2018.
Un debuxo pintado polos alumnos de 3ºB do CEP Plurilingüe Baño-Xanza será o cartel anunciador da XXVIII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, que se celebra a última fin de semana de agosto. A ilustración, que se presentou baixo o lema “Anguía e augardente… barriguiña quente”, amosa unha botella de caña co escudo de Valga e rodeada por unha anguía.
O xurado, que se reuniu esta mañá na Casa do Concello, estivo integrado pola concelleira de Educación, Carmen Gómez, os directores dos dous colexios de Primaria do municipio, Baño-Xanza e Xesús Ferro Couselo, e un representante do departamento de Cultura.
Elixiron como segundo clasificado un debuxo de 3ºA do CEIP de Baño que ten como fondo o escudo de Valga, ao que incorpora unha anguía e unha botella de caña. O terceiro posto recaeu no grupo de 5º do colexio Ferro Couselo, que incluíron no seu debuxo o escudo de Valga facendo as funcións de alambique e flanqueado por dúas anguías.
As aulas que se clafisicaron nos tres primeiros postos recibirán vales de 100, 75 e 50 euros para a adquisición de material didáctico e máis os correspondentes trofeos.
O certame, que se dirixía ao alumnado dos colexios de Educación Primaria de Valga, contou con quince grupos participantes que presentaron outros tantos debuxos. As bases do concurso establecían que as ilustracións debían facer referencia aos dous produtos que se enxalzan na festa, a anguía e a caña, e axustarse á medida de 60x40 centímetros en formato vertical. Obrigatoriamente tiñan que incluír o escudo e o nome do Concello de Valga e o seguinte texto: “XXVIII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. 24 e 25 de agosto de 2018”.
1º PREMIO - 3ºB CEIP PLURILINGÜE BAÑO-XANZA
2º PREMIO - 3ºA CEIP PLURILINGÜE BAÑO-XANZA
3º PREMIO - 5º CEP XESÚS FERRO COUSELO