Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os recoñecementos recaeron en once alumnos dos colexios de Baño e Ferro Couselo, do IES de Valga e da Escola de Música

- O subdirector xeral de Innovación Educativa da Xunta acompañou no acto ao alcalde, á concelleira de Educación e aos directores de todos os centros educativos do municipio

expedientess1

Valga, 28 de xuño de 2018.

O Concello de Valga rendeu onte homenaxe aos mellores estudantes dos centros educativos do municipio, nun acto celebrado no Auditorio e que contou coa presenza do subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e de Formación do Profesorado da Xunta de Galicia, Manuel Vila López. Participaron no recoñecemento o alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, a concelleira de Educación, Carmen Gómez, e os directores da Escola Infantil Municipal, o Centro Rural Agrupado, os colexios de Baño e Ferro Couselo, IES de Valga e da Escola Municipal de Música.

Foron once os homenaxeados. Os galardóns aos mellores expedientes de Educación Primaria recaeron en Ximena Guerra Lestido, do CEP Xesús Ferro Couselo, e Rosalía Muíño Cotón, do CEIP Plurilingüe Baño-Xanza. En Educación Secundaria Obrigatoria foi recoñecido Martín Calvo Blanco, mentras que en Bacharelato os mellores expedientes foron os de Lara Padín Rodríguez, na rama de Ciencia e Tecnoloxía, e Manuel Romero Ferreirós e Andrea Rodríguez Seco na modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais.

Na Formación Profesional Básica o alumno máis destacado foi José Ángel Sanmartín Martínez. No Ciclo Medio de Soldadura e Caldeiraría o recoñecemento recaeu en Sara Iglesias Rodríguez e no Ciclo Superior de Construcións Metálicas, en Hugo Mosquera Vicente. Por último, os dous estudantes máis brillantes da Escola Municipal de Música durante o curso recén rematado foron Lorena Rodríguez Gómez, alumna de Grao Superior na especialidade de clarinete, e Roi Barros Germiñas, máster na especialidade de saxofón.

Os galardoados recibiron un diploma, una placa e unha tablet como agasallo.

No turno de intervencións, algúns dos estudantes homenaxeados tomaron a palabra para agradecer o traballo do profesorado dos seus respectivos centros e o apoio das súas familias, determinantes para conseguir estes éxitos. Tiveron tamén palabras de recordo para os compañeiros que puxeron todo o seu esforzo durante o curso pero que, sen embargo, non acadaron os resultados agardados e aplaudiron a iniciativa do Concello por enxalzar, con estes recoñecementos, os valores do esforzo.

O alcalde, José María Bello Maneiro, destacou que os bos resultados académicos destes e outros moitos mozos valgueses son froito do traballo conxunto de toda a comunidade educativa. Sobre os alumnos galardoados dixo que “son un orgullo para Valga” e desexoulles “que sigan colleitando éxitos nas seguintes etapas formativas e profesionais”. Pola súa parte, o subdirector xeral da Xunta salientou a importancia de que “un Concello recoñeza os valores da educación” con actos coma o de onte.

Por último, Roberto Barral, que remata a súa etapa como director e docente do IES de Valga, falou en representación dos centros educativos de Valga e referiuse á “colaboración” coa que contan por parte do Concello, importante, dixo, para reforzar e dar visibilidade ao traballo que realizan.

expedientess2 expedientess3 expedientess4 expedientess5 expedientess6

Volver