- O alcalde e as concelleiras Mari Carmen Castiñeiras e Carmen Gómez visitárona e agasallárona cun ramo de flores e unha placa
- Viúva dende hai 36 anos, tivo nove fillos e a súa familia está formada tamén por unha decena de netos e tres bisnetos
Valga, 25 de xuño de 2018.
Valga conta dende hoxe cunha nova centenaria, María Juana Martínez Pose, veciña da Tarroeira, que hoxe celebra o seu 100 aniversario. O alcalde, José María Bello Maneiro, e as concelleiras Mari Carmen Castiñeiras e Carmen Gómez visitárona esta mañá no seu domicilio para felicitala en nome de todos os valgueses e agasallala cun ramo de flores e unha placa coa lenda “O Concello de Valga a María Juana Martínez Pose no día do seu 100 aniversario”.
É a segunda valguesa máis lonxeva, despois de María Bouzas Senín, veciña de Cerneira, que o vindeiro 8 de xullo cumprirá 102 anos.
María Juana Martínez, viúva dende hai 36 anos, pode presumir de ter unha saúde de ferro. Tivo nove fillos e a súa familia está formada tamén por unha decena de netos e tres bisnetos. Traballou durante gran parte da súa vida no campo e na casa e pasou etapas fóra de Galicia, en concreto en Albacete, que foi destino de seu marido garda civil.
Este mediodía festexará o seu centenario cun xantar no que a acompañará boa parte da súa familia. Outros achegados aproveitaron a fin de semana para visitala e felicitala en vésperas desta data tan sinalada.