- A actividade, na que colabora o Concello, desenvólvese ata o venres nas instalacións deportivas de Campaña
- A vertente deportiva compaxínase coa educativa, promovendo valores como o compañeirismo e o xogo limpo
Valga, 25 de xuño de 2018.
Un total de 71 nenos de entre 5 e 14 anos de idade participan dende esta mañá no campus de fútbol base que organiza o Cordeiro C.F. coa colaboración do Concello. A actividade desenvólvese nas instalación deportivas municipais de Campaña de 10 a 13 horas e prolongarase ata o venres.
Este campus quere fomentar a práctica deportiva, en concreto a do fútbol, entre os máis novos, incentivar a súa responsabilidade e os valores de convivencia.
Adestramentos e outros xogos axudarán aos rapaces a desenvolver e mellorar os fundamentos técnicos e tácticos do fútbol, tanto colectivos como individuais, e promoven valores como o compañeirismo, o xogo limpo, os bos hábitos alimentarios e a hixiene, entre outros. Deste xeito, a actividade non só ten unha compoñente deportiva, senón que se plantexa tamén como unha actividade educativa.
Cinco adestradores titulados dirixen aos rapaces nas sesións de adestramento. A maioría de inscritos son de Valga, pero tamén participan nenos doutras vilas da contorna, como Pontecesures ou Catoira.