- As parroquias de Cordeiro e Xanza son as que rexistraron un maior número de solicitudes veciñais
- O Concello pide aos responsables das cacharelas que extremen a vixiancia para evitar incidentes
Valga, 22 de junio de 2018.
O Concello de Valga concedeu autorización para a queima de máis dun cento de fogueiras durante a noite de San Xoán no municipio. A parroquia que rexistrou un maior número de solicitudes veciñais foi a de Cordeiro, cun total de 39, seguida de Xanza con 22. En Campaña e San Miguel de Valga están autorizadas 18 fogatas en cada parroquia e 5 en Setecoros.
Para cumplir con esta tradición na noite máis curta do ano os veciños tiveron que curbrir un impreso nas oficinas municipais indicando a parroquia e o lugar no que se realizará a fogueira, quedando esta baixo a responsabilidade do solicitante que, coa súa sinatura, se compromete a adoptar as medidas de seguridade necesarias para evitar incidentes e escapes do lume.
O Concello enviará o listado completo de cacharelas autorizadas ao xefe provincial do Servizo de Defensa contra incendios do Distrito Forestal XIX Caldas-Salnés, e porao tamén en coñecemento dos efectivos de Protección Civil e do Grupo de Emerxencias de Valga, que durante toda a noite de San Xoán farán un seguimento das fogueiras para garantizar que non se produzan incidentes.
A Concellería de Medio Ambiente pide aos veciños que extremen as precaucións e ofrécelles unha serie de recomendacións:
- Por mor da seguridade non fagan moreas dunha altura excesivamente elevada
- Non fagan a fogueira preto de lugares con vexetación
- Con exceso de vento non prendan a fogueira
- Eviten usar nas fogatas materiais que co vento poidan provocar un incendio (ramas de eucalipto, papeis, etc.)
- Procuren ter auga preto para actuar ante posibles escapes do lume
- Non utilicen na fogueira materiais contaminantes (pneumáticos, aerosois, etc.)
- Deixen a fogueira completamente apagada antes de marchar
- Lembre que no caso de ter problemas debe chamar ao 085 ou ao 112 (a chamada é GRATUÍTA)