Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- As obras e proxectos gañadores daranse a coñecer na última semana do mes de xullo, coincidindo coa data de nacemeto de Ferro Couselo

- O certame, convocado polo Concello dende 1996, quere promover e incentivar os estudos actuais de investigación no campo das ciencias históricas

vaderetro copia

Valga, 21 de xuño de 2018.

Un total de catorce traballos optan a gañar as dúas modalidades do XIX Premio Xesús Ferro Couselo, que convoca anualmente o Concello de Valga. O prazo para presentar as investigacións e os proxectos rematou o pasado 15 de xuño, se ben nos últimos días aínda se recibiron no Rexistro de Entrada algúns traballos enviados por correo ordinario.

Son once as propostas que concorren á primeira modalidade do Premio, dotada con 4.000 euros e referida a traballos de investigación de ámbito galego dentro das especialidades de etnografía, paleografía, numismática, arqueoloxía, historia e historia da arte. As bases do certame establecen que as obras deben estar escritas en galego e ser inéditas.

Os traballos son “Orixe, evolución e reconstrución do Priorado Santiaguiño de Vilar de Donas”, “No testar, vida vas atopar”, “Investigación e didáctica da represión franquista en Galicia partindo da memoria oral dun home que non se deixou cazar”, “O estatus servil e a ausencia de liberdade na Galicia Noroccidental (séculos IX-XII), “A xustiza civil ordinaria nos tribunais da área de Ortigueira en época preestatística”, “Atila no Grove: crónica política e memoria da masacre (1923-1948)”, “Tinta e sal”, “Orixe, formación e reconstrución da fortaleza baixo medieval do Castelo de Pambre”, “Historia social da Igrexa galega na Idade Media (séculos V-XIII), “A organización do espazo da antiga diócese de Tui ao norte do Miño” e “A historia do humor gráfico galego (1868-2018)".

Á segunda modalidade, pola que se convoca unha bolsa de estudos para proxectos centrados en estudos históricos, etnográficos ou sobre persoeiros do municipio de Valga, concorreron un total de tres propostas centradas nas seguintes temáticas: a vida e obra de José Bouchet, nado en Valga e emigrado á Arxentina, onde destacou como un dos artistas pictóricos máis relevantes de finais do século XIX e principios do XX; a Casa da Palma, unha construción que se conserva no lugar de Fontenlo ao pé do Camiño de Santiago; e a cartografía xurisdicional galaica.

Neste caso os participantes tiñan que presentar un guión razoado detallando os obxectivos que pretenden acadar co seu traballo, a metodoloxía a empregar e as distintas fases de realización. Esta bolsa está dotada con 3.000 euros. O 25% desta cantidade entregarase unha vez fallado o premio e o 75% restante ao remate do proxecto.

Os gañadores da décimo novena edición do Premio de Investigación daranse a coñecer na última semana de xullo, coindindo coa data de nacemento de Xesús Ferro Couselo. Previamente reunirase o xurado, que estará presidido polo alcalde, José María Bello Maneiro, e integrado por Pegerto Saavedra Fernández, catedrático de Historia Moderna na Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Galega; Xulio Rodríguez González, director do Museo Arqueolóxico de Ourense e facultativo do corpo superior de museos; Pablo Sánchez Ferro, neto de Xesús Ferro Couselo, director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e técnico superior do corpo facultativo de arquiveiros da Xunta de Galicia; e Marcial Gondar Portasany, catedrático de Antropoloxía Social da USC, membro da sección de Etnografía do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e do padroado do Museo do Pobo Galego. Como secretario, con voz pero sen voto, actuará un membro do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Valga.

As obras premiadas quedarán en poder do Concello, que se reserva o dereito de publicación.

Este certame busca promover e incentivar os estudos actuais de investigación no campo das ciencias históricas e vén sendo convocado polo Concello dende o ano 1996, no que a Real Academia Galega adicou o Día das Letras Galegas a Xesús Ferro Couselo, Fillo Predilecto de Valga e insigne figura da cultura galega. Na edición de 2017, a obra gañadora na primeira modalidade foi “Vade Retro. Ritualística protectora, obxectos curativos e uso de amuletos na cultura popular galega”, de Rafael Quintía Pereira. E o xurado elixiu, na segunda modalidade, o proxecto “A veiga máxica. Rescate da cosmovisión popular no municipio de Valga”, de Natalia Sueiro Monje.

Volver