- Os nenos de Educación Infantil e Primaria disputaron competicións de relevos, fútbol e baloncesto
- Mañá continúan as celebracións de fin de curso cun festival pola mañá e xogos no pavillón pola tarde
Valga, 20 de xuño de 2018.
O alumnado do colexio de Baño disputou na mañá de hoxe as súas propias Olimpíadas, unha actividade organizada pola Asociación de pais e nais, en colaboración coa dirección do CEIP Plurilíngüe e co Concello.
Nas III Xornadas Olímpicas Deportivas participaron os máis de 300 alumnos do centro, tanto os nenos de Educación Infantil como os rapaces de Primaria. Incluíron competicións de fútbol, baloncesto e carreiras de relevos nas que primou o compañeirismo e o espíritu do xogo limpo. Os partidos de fútbol contaron coa participación dos árbitros asistentes de Primeira División Alfonso Costoya Rodríguez, de Cordeiro, e Enrique Ramos Ferreirós, residente en Pontecesures.
Ao remate das actividades deportivas, tivo lugar o acto de entrega de diplomas a todos os participantes e de medallas aos gañadores. Ademais, a ANPA sorteou gorras e mochilas entre os rapaces.
Os centros educativos de Valga están inmersos nas actividades e celebracións de fin de curso. No CEIP Baño-Xanza mañá pola mañá terá lugar un festival con inchables e xogos no patio do colexio e, pola tarde, o pavillón municipal albergará unha festa da ANPA con colchonetas, obradoiros, merenda e música.
O CEP Xesús Ferro Couselo de Cordeiro tamén celebra mañá o seu festival de fin de curso. Será no Auditorio Municipal a partir das 16:30 horas.