- Varios veciños xa trasladaron á Consellería do Medio Rural a súa intención de poñer en marcha explotacións agrarias
- A dispersión e pequeno tamaño das fincas e a falta de accesos son as principais problemáticas para facer rendibles as terras
Valga, 19 de xuño de 2018.
Veciños e propietarios de terreos dos lugares de Martores, Vilares, Laceiras e Raxoi, na parroquia de San Miguel de Valga, asistiron onte á tarte na Casa da Cultura a un encontro informativo coa xefa de servizo de Infraestruturas Agrarias da Xunta en Pontevedra, María José Pérez, sobre a concentración parcelaria. Participaron tamén o alcalde, José María Bello Maneiro, e Víctor de la Cruz, representante de Sial Consultores, empresa que está a realizar o estudo de viabilidade da parcelaria.
Esta reunión foi xestionada polo goberno municipal despois de que os veciños lle trasladasen o seu interese por promover unha concentración parcelaria e poñer en marcha proxectos agrícolas como explotacións vitivinícolas, plantacións de produtos hortícolas e incluso de oliveiras ou maceiras. O reducido tamaño das parcelas, a súa dispersión e a falta de accesos son as principais problemáticas que destacan os propietarios na actualidade e que lles impiden sacar rendibilidade aos seus terreos. Neste sentido, o alcalde destacou a enorme potencialidade da zona, que se atopa dentro do ámbito xeográfico da Denominación de Orixe Protexida Pemento de Herbón e da Indicación Xeográfica Protexida Viños da Terra do Barbanza e Iria.
A restruturación parcelaria que pretende levarse a cabo incluiría os terreos con vocación agraria situados fóra dos núcleos rurais e tamén o monte de titularidade privada do seu entorno. Persoal da consultoría Sial está xa a realizar os traballos de investigación previos e recabando datos en Catastro para, nun prazo de 15 ou 20 días, comezar a reunirse con propietarios, fundamentalmente aqueles que teñen interese en poñer en marcha explotacións agrarias. Hai que ter en conta que este proceso de concentración conta cunha vantaxe salientable: o informe de impacto ambiental está feito dende o ano 2010 e conservará a súa validez ata decembro de 2019, o que permitiría acurtar prazos. Segundo os datos que manexa a Consellería, a parcelaría podería conlevar unha inversión de entre 3.000 e 4.000 euros por hectárea que se financiarían con fondos da Unión Europea.
A xefa de servizo explicou que o proceso se rexería pola Lei 4/2015 de Mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, que obriga a que a concentración parcelaria teña que cumprir uns obxectivos moi definidos. No caso de Martores, Vilares, Laceiras e Raxoi, dar novos usos ás terras mediante a creación de explotacións agrícolas ou gandeiras. Isto, remarcou, non só conleva responsabilidades para as persoas que vaian a poñer en marcha eses proxectos, senón tamén para o resto de propietarios, que teñen que comprometerse a ceder ou arrendar as súas parcelas para evitar que caian no abandono.
O alcalde concluíu reiterando que os veciños “teñen o compromiso do Concello” de apoiar este proceso de concentración, “pero todo vai depender da decisión dos propietarios”.