Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O adestrador catalán actuará na tarde do domingo 1 de xullo con dous cabalos de raza árabe e dous cans

- Continúa aberto o prazo para anotarse nas Olimpíadas da Aldea

SantiSerra2

Valga, 19 de xuño de 2018.

O adestrador de cabalos en liberdade Santi Serra Camps, que se deu a coñecer entre o gran público como gañador do concurso televisivo de talentos “Tú sí que vales”, estará en Valga o domingo 1 de xullo para ofrecer un show ecuestre dentro do programa de actividades da XIII Festa da Xuventude.

O impresionante espectáculo, que contará coa participación de dous cabalos de raza árabe e dous cans, está baseado na doma pacífica, unha disciplina que permite crear un vínculo físico e psíquico de entendemento cos animais.

Este catalán autodidacta medrou entre cabalos e comezou dende mozo a estudar o seu comportamento para comprender como interactuar con eles e converterse no líder da manada de forma natural. A técnica que emprega consiste en exercicios curtos, nos que se ten en conta o ánimo e a personalidade do animal e a partir dos que se establece un xogo baseado na diversión e liberdade, sen fustas ou rendas.

Aínda que debutou en 2007, foi o seu éxitoso paso polo programa “Tú sí que vales”anos máis tarde o que lle valeu as maiores cotas de recoñecemento en España e lle axudou a dar o salto ao escaparate internacional. Os seus animais son, ademais, especialistas en rodaxes. Teñen participado en películas como “Finisterrae”, en curtometraxes, anuncios publicitarios e videoclips.

SantiSerra1

 

Inscrición nas Olimpíadas da Aldea

A actuación de Santi Serra porá a guinda á décimo terceira edición da Festa da Xuventude, que dará comezo o sábado 30 de xuño coas Olimpíadas da Aldea, para as que continúa aberto o prazo de inscrición.

Para participar nos torneos, tanto femininos como masculinos, de Brilé, Carretilla, Esquís Cooperativos, Xirarei e Turrasoga precísanse equipos de catro xogadores titulares máis dous suplentes e os premios serán de 150 euros para os primeiros clasificados e de 75 para os segundos. O Mundialito de Fútbol, no que tamén se manteñen as categorías masculina e feminina, disputarano equipos de tres xogadores titulares e dous suplentes. Os campións serán gratificados con 200 euros e os segundos clasificados con 100.

Os integrantes dos equipos deben ser de Valga admitíndose só dúas excepcións por equipo. Segundo establecen as bases, considérase que é de Valga calquera persoa empadroada na vila ou que estivera censada durante 10 ou máis anos, aínda que actualmente non o estea.

As inscricións poden realizarse na Casa do Concello ou no Auditorio Municipal. O prazo pecharase ás 15 horas do día 29 de xuño.

Olimpiadaas


Volver