- Os edís Carmen Gómez e Manuel Ferreiro entregaron as medallas aos participantes
- A actividade continuará durante os meses de xullo e agosto cun curso intensivo para nenos a partir de 3 anos
Valga, 18 de xuño de 2017.
O pavillón municipal de Beiro acolleu na tarde do venres a clausura da Escola de Patinaxe de Valga, que contou na súa sexta edición con máis de 140 nenos e mozos inscritos.
Os patinadores ofreceron unha exhibición ante as súas familias e un numeroso público, ao que amosaron as destrezas adquiridas durante os últimos meses con Olalla Pérez como profesora. Asistiron, en representación do Concello, os edís Carmen Gómez e Manuel Ferreiro, que foron os encargados de entregar as medallas a todos os participantes nesta actividade deportiva.
Durante o curso, que se prolongou dende outubro de 2017, os inscritos aprenderon novas figuras e practicaron saltos e piruetas. As últimas semanas dedicáronas a ensaiar as coreografías que representaron o venres. A monitora Olalla Pérez destaca que cada vez medra más a afección pola patinaxe artística o que conleva o incremento do número de inscritos.
Aínda que a exhibición do venres supuxo a clausura da Escola de Patinaxe, esta disciplina deportiva continúa impartíndose durante o verán. Está programado un curso intensivo durante os meses de xullo e agosto para nenos a partir de 3 anos de idade. O prezo é de 32 euros ao mes e as inscricións poden realizarse no Concello ou chamando ao número de teléfono 645 57 35 61.