- As concelleiras Begoña Piñeiro e Ramona Otero inauguraron a exposición, que pode verse ata o 30 de xuño
- A artista compaxina a súa afección á pintura coas actividades benéficas a través da Asociación Española Contra o Cancro
Valga, 16 de xuño de 2018.
A viguesa Alicia Sarmiento Peña, “Malís”, expón no Auditorio Municipal a mostra “Sueños rotos”, que inauguraron onte pola tarde as concelleiras Begoña Piñeiro e Ramona Otero en presencia da artista, os pintores locais Pepe Potel e Ángeles Garrido e o presidente da asociación Adeval, José María García.
Enxeñeira de telecomunicacións xubilada, “Malís” reúne nesta exposición 47 obras pintadas ao longo dos últimos anos. “Os cadros son reflexo dos meus sentimentos en cada momento e a mostra, unha mirada atrás a unha etapa da miña vida coa que quero romper emocionalmente. Representa o peche dunha porta para abrirme a outro tipo de pintura”, explica Alicia Sarmiento.
Foi en 1994, durante unha época que pasou no paro, cando “Malís” comezou a achegarse á pintura. “Cun libro e algún material que comprei, empecei eu soa a pintar e terminou enganchándome. Foi moi importante para min nese momento”. Acode habitualmente a dous estudos en Vigo: o de Concepción Cuadrado, de pintura ao óleo, e o de Puri del Palacio, de pintura con acrílico. Neles “collo diferentes técnicas” que despois aplica ás súas obras.
A mostra “Sueños rotos” pode verse ata o vindeiro 30 de xuño. A concelleira Begoña Piñeiro destacou durante a presentación que a sala de exposicións do Auditorio segue a dar cabida cada mes a artistas tanto de Valga como doutras zonas de Galicia e referiuse non só ás capacidades de Alicia Sarmiento para a pintura, senón tamén á súa condición de vicepresidenta da xunta provincial da Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra. O Concello leva anos recaudando fondos para este colectivo cun festival benéfico que se celebra no Nadal.