- O proxecto é promovido polo Concello para seguir mellorando a calidade de vida e favorecendo a integración das persoas con discapacidade
- O centro xa ten en funcionamento obradoiros de reciclaxe, musicoterapia, estimulación cognitiva, manualidades e un invernadoiro
Valga, 14 de xuño de 2018.
A xunta directiva do Grupo de Desenvolvemento Rural Salnés Ulla-Umia aprobou na súa reunión de onte unha axuda de 30.687’55 euros para a instalación dun forno de cerámica no CODI, un proxecto promovido polo Concello de Valga para ampliar a oferta de actividades do centro para persoas con discapadidade co obxectivo de seguir mellorando a calidade de vida dos seus usuarios, contribuír a incrementar as súas capacidades e nivel educativo e, en definitiva, favorecer a integración das persoas con diversidade funcional. Á reunión que tivo lugar en Cambados asistiu a concelleira Begoña Piñeiro.
O proxecto, que se executará con cargo ás anualidades 2018 e 2019, conlevará o acondicionamento dun local nos exteriores do edificio do CODI e a adquisición e instalación dun forno de cerámica para a posta en marcha dun obradoiro. O orzamento ascende a 40.592 euros e a axuda aprobada polo GDR é de 30.687’55, o que supón o 75’60% do custo total. O acordo da xunta directiva será remitido agora á Axencia Galega de Desenvolvento Rural (Agader), organismo que emitirá unha resolución facendo oficial a concesión da subvención.
Hai que destacar que o proxecto de Valga foi o que obtivo unha maior puntuación entre todos os proxectos non produtivos promovidos por entidades públicas locais do ámbito do GDR. Na baremación tívose en conta, entre outros factores, que o CODI presta un servizo de carácter supramunicipal a usuarios de toda a comarca e a repercusión que a súa actividade ten para a mellora da calidade de vida e a integración das persoas con discapacidade.
Actualmente o centro ten en funcionamento obradoiros de reciclaxe de aparatos eléctricos e electrónicos, musicoterapia, estimulación cognitiva, manualidades e un invernadoiro.