Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- As bibliotecas municipais organizan o contacontos “As historias viaxeiras” o venres día 15

- Alicia Sarmiento, “Malís”, expón ata o día 30 a colección “Sueños Rotos”

auditoriooo

Valga, 6 de xuño de 2018.

A exhibición de fin de curso do Centro Deportivo Danzaya abre o vindeiro domingo, día 10, a programación do Auditorio Municipal para este mes de xuño. O alumnado desta escola interpretará, a partir das 17 horas, coreografías de distintos estilos nun espectáculo musical titulado “Mal-trato. Amor negativo”. A entrada é con invitación ata completar aforo.

O domingo 24 de xuño haberá outra exhibición de baile, a IV Gala de Zumba da academia de Graciela Viturro que comezará ás 18 horas. E o venres 29, ás 20 horas, a asociación cultural e xuvenil “A Eira” celebra o seu festival de benvida do verán, con bailes e actuacións musicais en directo cos máis mozos como protagonistas. A entrada é libre e gratuíta para todo o público que queira asistir.

Ao longo do mes e coincidindo co remate do curso educativo, celebraranse no Auditorio varios eventos escolares. O festival de fin de curso do CEP Plurilingüe Xesús Ferro Couselo terá lugar o xoves 21 e o da Escola Infantil Municipal o venres 29. Ademais, o día 27 de xuño terá lugar o acto de recoñecemento e homenaxe do Concello aos estudantes cos mellores expedientes académicos dos colexios de Baño e Xesús Ferro Couselo, do IES de Valga e da Escola Municipal de Música.

No apartado musical, son tres as citas que haberá no Auditorio en xuño. O sábado 23 actúan os solistas de vento madeira e percusión da Escola de Música; e o luns 25 fan o propio os alumnos de Música e Movemento, Linguaxe Musical, o Coro Infantil e a Banda Peque. Por úlitmo, o sábado 30 será o turno da Banda Municipal de Valga co director invitado Emilio Cabello.

Para o público infantil, está programado o contacontos “As historias viaxeiras. Kamishibai e teatro de papel”, que terá lugar o venres 15 con entrada de balde. Trátase dunha singular montaxe na que, a través da manipulación do kamishibai, a técnica lumínica emaki (teatro tradicional xaponés) e adaptacións do teatro de papel, os nenos poderán coñecer contos e lendas de todos os continentes e achegarse a valores relacionados coa cooperación, a igualdade, a concienciación ambiental e a paixón pola lectura. Esta actividade é organizada polas bibliotecas municipais dentro do programa de dinamización da lectura “Ler conta moito”, da Rede Galega de Bibliotecas.

Ademais, dende esta semana e ata o día 30 pode verse na sala de exposicións do Auditorio a mostra “Sueños Rotos”, de Alicia Sarmiento Peña (Malís).

programación xuño 2018

Volver