- O espectáculo incluíu cancións e xogos, para diversión de nenos e familias
- O Auditorio acolle o día 15 outra sesión de contos: “As historias viaxeiras. Kamishibai e teatro de papel”
Valga, 5 de xuño de 2018.
Unha trintena de rapaces asistiron na tarde de onte na Casa da Cultura ao espectáculo “Filipa cos contos. Mar Adiante”, da compañía Bandullo Azul.
Cantaron, xogaron e riron co novo repertorio de contos e historias de Fran Campos e a súa boneca Filipa: contos cantados acompañados da guitarra, xogos co público, historias tradicionais e do repertorio popular e a lembranza de María Victoria Moreno, autora homenaxeada no Día das Letras Galegas, e da súa obra narrativa “Mar adiante”, coa adaptación de relatos incluídos nesta antoloxía.
A actividade foi organizada polas bibliotecas municipais dentro do programa de dinamización da lectura “Ler conta moito”, da Rede Galega de Bibliotecas. Para este mes de xuño hai programada outra sesión de contos, “As historias viaxeiras. Kamishibai e teatro de papel”, que terá lugar o venres 15 no Auditorio Municipal.
Trátase dunha singular montaxe na que, a través da manipulación do kamishibai e da técnica lumínica emaki (teatro tradicional xaponés), escenarios despregables e adaptacións do teatro de papel, os nenos poderán coñecer contos e lendas de todos os continentes e achegarse a valores relacionados coa cooperación, a igualdade, a concienciación ambiental e a paixón pola lectura.