- O equipo cadete proclamouse campión onte domingo nunha final ante o Ulla C.F.
- Uns 1.400 xogadores de 88 equipos participaron nas competicións
Valga, 4 de xuño de 2018.
Máis de seis mil persoas asistiron nas últimas tres fins de semana aos torneos organizados polo Cordeiro Fútbol Base e que se disputaron no campo municipal de Baño.
Entre o pasado sábado e onte domingo disputáronse as competicións das categorías infantil e cadete. Esta última rematou con vitoria local, ao impoñerse o Cordeiro ao Ulla na final. O terceiro posto foi para o Compostela S.D. e en cuarto lugar clasificouse o Atlético Cuntis. O Arosa S.D, Arousa F7, San Martín e C.D. Unión completaron a relación de oito equipos participantes.
Na competeción infantil o triunfo foi para Portero 2000, seguido da E.D. Arousa, Arosa S.C. e C.D. Lugo. Disputouse tamén unha fase de consolación na que o San Martín se clasificou como primeiro, o A. D. Nicrariense foi segundo e Compostela S.C. e Atlético Cuntis ocuparon o terceiro e cuarto postos, respectivamente. Neste caso foron dezaseis os equipos participantes.
En total, os torneos reuniron a uns 1.400 xogadores de 88 equipos diferentes, dende categoría biberón ata cadete. Os rapaces gozaron dunhas xornadas de práctica deportiva e convivencia nas que colaborou o Concello de Valga cedendo as instalacións municipais e o equipo de megafonía e aportando os trofeos e medallas. Dende a organización trasladan o seu agradecemento tanto ao Concello como ao resto de patrocinadores e empresas colaboradoras, así como aos clubes participantes.