Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Entregaron os diplomas aos participantes, que despois visitaron a base do Grupo de Emerxencias e o CODI

- Os obradoiros de memoria e pintura axudan aos maiores a reforzar a súa autoestima e a relacionarse con outras persoas

csenior1

Valga, 2 de xuño de 2018.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Benesar Social, Begoña Piñeiro, clausuraron onte as actividades de estimulación cognitiva e expresión artística do Campus Sénior, que neste curso contaron coa participación dunha trintena de veciños de Valga a partir de 65 anos de idade.

Os maiores recibiron os seus diplomas nun acto que tivo lugar no Salón de Plenos e, despois, achegáronse á sede do Grupo de Emerxencias e Protección Civil para coñecer os cometidos dos servizos de emerxencias. O responsable do GES, Adrián Ferro, guiounos polas instalacións e explicoulles o traballo que realizan e o equipamento do que dispoñen. A continuación visitaron o CODI, onde os usuarios os recibiron con cancións.

O programa Campus Sénior é organizado pola Concellería de Benestar Social e, a través del, os participantes melloran a súa autoestima, relaciónanse con outras persoas e acadan unha maior satisfacción persoal.

No obradoiro de estimulación cognitiva realizan exercicios de memoria a través de recoñecementos visuais e auditivos, mediante a linguaxe e o cálculo ou realizando movementos xestuais. Os inscritos len poesía e outros textos, deletrean palabras, traballan con pasatempos como as sopas de letras, intentan resolver adiviñas ou recordar refráns, realizan pequenas operacións matemáticas e repiten series de números, entre outras actividades. As técnicas de reforzo da memoria inclúen tamén exercicios vencellados a actividades cotiás, como elaborar a lista da compra e separar os artigos por categorías, relacionar cores con obxectos que utilizan no día a día ou relatar contos, ademais de evocar recordos e as súas propias historias de vida.

No tocante ás clases de expresión artística, son impartidas por Ángeles Garrido no Auditorio e na Casa da Cultura. As sesións tratan de axudar aos maiores a expresarse a través da pintura, traballando aspectos como a psicomotricidade e a memoria. Ademais, os participantes interactúan entre eles, acadando unha maior sociabilidade. Son eles os que elixen o que prefien pintar e a técnica que queren utilizar para que se identifiquen cos seus traballos.

csenior2 csenior3 csenior4 csenior5

Volver