Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Asistiron a un obradoiro no que coñeceron como descargar aplicacións ou a facer copias de seguridade dos documentos, entre outros contidos

- A actividade impartiuse na Aula CeMIT os xoves 24 e 31 de maio

movil1

Valga, 1 de xuño de 2018.

Unha ducia de persoas, de entre 50 e 60 anos de idade, participaron nas dúas últimas semanas nun obradoiro sobre o uso do teléfono móbil e das tabletas que se impartiu na Aula CeMIT.

O curso, que se dividiu en dúas sesións de dúas horas cada unha, tratou de ensinar aos inscritos as pautas básicas do funcionamento dos dispositivos móbiles con sistema Android e solucionar as dúbidas que puideran ter para facer a súa experiencia máis doada. Nacho Lojo foi o docente que impartiu as clases e explica que o obxectivo era “ensinarlles a usar o móbil para algo máis que para chamar, de xeito que poidan sacarlle o máximo partido a nivel de comunicación e de ocio”.

Explicoulles como descargar aplicacións últiles, por exemplo a do Sergas que permite concertar cita previa para o médico. Tamén descargaron a versión Lite de Facebook, que ocupa menos espacio, e traballaron no manexo desta rede social cambiando a foto de perfil, facendo publicacións e eliminando ou agregando a amigos. Aprenderon, por outra parte, a “limpar” a pantalla, eliminando as iconas que menos usan e substituíndoas polas máis empregadas para que o acceso lles sexa máis doado.

Tratouse dunha formación “personalizada e adaptada ao que lles interesaba aos alumnos”, engade Nacho Lojo. Por exemplo, un dos meirandes inconvintes que plantexaron foi a saturación da tarxeta de memoria con fotografías ou vídeos. O docente explicoulles de forma práctica como, antes de eliminar ningún documento, poden gardar unha copia de seguridade na nube e despois descargala no ordenador.

Este obradoiro, chamado “Ao lado dos nosos maiores: uso do móbil e da tableta”, foi organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), coa colaboración do operador Orange.

movil3 movil2

Volver