- Medio cento de alumnos de entre 6 e 16 anos asistiron ás clases de inglés
- O prazo de matrícula para o vindeiro curso xa está aberto
Valga, 1 de xuño de 2018.
A Escola Municipal de Idiomas pechou o curso 2017/2018 cun acto de entrega de diplomas que tivo lugar onte pola tarde no Auditorio Municipal. Medio cento de alumnos de entre 6 e 16 anos de idade asistiron durante os últimos meses ás clases de inglés impartidas por docentes do Centro de Idiomas Waterford, un centro Trinity homologado.
O alcalde, José María Bello Maneiro, e as concelleiras de Educación e Benestar Social, Carmen Gómez e Begoña Piñeiro, participaron no acto de clausura e foron os encargados de entregar os diplomas aos rapaces, que amosaron parte do aprendido durante o curso cantando cancións e representando a obra de teatro “Romeo e Xulieta” en inglés. O alcalde lembrou que a Escola Municipal de Idiomas leva máis dun lustro en funcionamento, felicitou aos alumnos polo traballo realizado durante o curso e destacou a importancia de aprender idiomas.
O prazo de matrícula para o vindeiro curso xa está aberto, podendo tramitarse as inscricións ata o día 30 de setembro. As clases, de dúas horas semanais, comezarán o 1 de outubro e prolongaranse ata o 31 de maio de 2019, un tempo no que o alumnado se preparará para facer os exames oficiais Trinity College e Cambridge. Durante o curso insístese especialmente en que os alumnos adquiran competencias orais, que habitualmente son as que lles resultan máis complexas, aínda que sen esquecer o inglés escrito.
Ademais, ofrécese a posibilidade de crear un grupo de adultos, que xa houbo en anos anteriores. Para iso debe contarse con un mínimo de oito persoas matriculadas. Tamén se ofertan outros idiomas como o francés e o alemán, sempre que haxa inscritos suficientes para formar grupo.
As matrículas poden tramitarse no Auditorio Municipal ou poñéndose en contacto co Centro Waterford a través do teléfono 986 85 12 25 ou do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..