- Manuela Eiras Castiñeiras, a terceira muller de máis idade de Valga, recibiu a felicitación do alcalde e da concelleira Carmen Gómez
- Foi agasallada polos representantes do Concello cun ramo de flores e unha torta

Valga, 24 de marzo de 2026.
Hoxe hai festa rachada na casa de Nela de Catalina, en Ferreirós (Cordeiro). A centenaria cumpre 102 anos rodeada familiares e achegados, aos que se sumou tamén este mediodía o alcalde, José María Bello Maneiro, que acudiu a felicitala. En realidade, é coma un máis da familia, e así o repite Manuela Eiras Castiñeiras cada vez que ten ocasión: “Criouse aquí”, insistía a centenaria emocionada, ao recibir os agasallos do rexedor: un ramo de flores e unha torta. Tamén participou na visita institucional a concelleira Carmen Gómez.
A xornada foi propicia para a festa familiar, con sol e unha temperatura agradable que permitiu que Nela desfrutara de parte da mañá na eira. Aos seus 102 anos non perdeu nada da súa enerxía, con gañas de celebrar, de compartir, conversar e ata tocar a pandeireta e cantar con seus achegados. Hoxe foron arredor de trinta as persoas que participaron na xuntanza: fillos, netos, bisnetos, sobriños, primos e tamén veciños. Algúns chegaron dende Madrid e para a semana, aproveitando os festivos, tamén viaxará o resto da familia.
O de Manuela Eiras é un clan moi extenso. Criou nove fillos, ten catorce netos, dezaoito bisnetos e un tataraneto. O desexo da centenaria: “Que para o ano esteamos todos xuntos aquí”.
Nela é actualmente a terceira veciña de máis idade de Valga, despois de María Tarrío (de Eiras) con 103 anos e de Benilde Castaño (de Laxes), que fai tan só uns días cumpriu 102.








